Noticias

O Hidria en situación crítica

Nestes momentos o Hidria pasa por unha situación crítica. Segundo informan no seu facebook, a empresa coa que tiñan un trato para facer charters na zona do Estreito non respeta o falado o que obrigou aos armadores a botar ao paro á tripulación. Económicamente a situación é insostible, ata o punto de non poder pagar os gastos de atraque e verse abocados a utilizar un fondeo.

Como xa dixemos anteriormente, o Hidria marchou de Galicia para a Linea de la Concepción, onde tiña previsto facer traballos de charter. A marcha de Galicia viña imposta pola imposibilidade de traballar cun atraque legal, ademáis do problema xurdido co programa de Portos Xacobeos, ao cancelar a presencia do Hidria no programa 6 días antes de iniciarse e cando a campaña de verán estaba avanzada.

Neste momento os armadores están a buscar solucións viables para poder traballar. A volta a Galicia non é unha solución porque non están garantizadas nin as condicións para poder traballar nin a carga de traballo mínima que permita soster o barco.

Desde o foro de La Tabera del Puerto estase chamando á xente na zona do Estreito a axudar no posible aos armadores e xa hai xente movilizándose para botar unha man.

(Foto de Txema Prada)

A saida da XXII Regata do Bao

No video de arriba tendes a saida da Regata do Bao deste ano, e en youtube tamén podedes ver este outro video sobre a regata

O Galeón de Abelleira xa está en Muros

Os amigos da A.VV. A Ostreira, de Abelleira, xa teñen o seu galeón en Muros. Parabéns polo éxito da travesía, e esperamos velo arbolado pronto.

Regata Lajareu 2010


O vindeiro sábado, día 4 de setembro, vai ter lugar en Ribeira a Regata Lajareu, con saida desde a praia de Coroso ás 16:00, e que está organizada por Lajareu por Barlovento.

XVIII Parrocheira. Mostra Proxecto Dorna


Os vindeiros 3, 4 e 5 de setembro vai ter lugar en Curuxeiras, en Ferrol, a XVIII Parrocheira, organizada polo Club do Mar de Ferrol e que este ano sirve de marco a unha Mostra de Embarcacións Tradicionais, en seco, que forma parte das actividades do Proxecto Dorna. Ademáis coincide co centenario da Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao.
Segundo o programa haberá unha mostra de 20 barcos en terra, de diferentes tipoloxías para que a xente vexa como son as obras vivas e poida ver con detalle o interior. Tamén haberá unha exposición sobre o Centenario da Autoridade Portuaria, e actividades para os nenos, cunha piscina para navegación e obradoiros infantís.
Por suposto haberá navegación, taberna mariñeira e música ao remate do día. Os interesados en acudir co seu barco que por favor contacten coa Sección de Vela Tradicional do club do Mar indicando datos do barco e número de tripulantes.

O incidente do Novo Sofía e a Rabandeira

agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG

O pasado domingo o Novo Sofía e Rabandeira tiveron unha avería volvendo de Aguiño, despois de participar en Pedras Negras na Regata de Clásicos. Quedaron sen motor e o vento non foi abondo para vencer a corrente que os levaba cara ao Faro do Sargo. Chamaron a Salvamento Marítimo, que lles dou remolque a Ribeira, e por sorte a tripulación non sufreu danos.

A noticia no Diario de Arousa

Regata do Bao

O vindeiro sábado 28 vai ter lugar a Regata do Bao, na Illa de Arousa, organizada pola ACD Dorna. A saida será ás 16:00 desde a praia do Bao.
Esta regata é a única que ten a súa saida desde terra e cos barcos sen aparellar, polo que é moi espectacular.
Actualización: no blog da ACD Dorna tendes unha crónica da Regata do Bao, coa clasificación dos participantes

Concentración e Regata de Clásicos. San Vicente

O vindeiro domingo 29 de agosto vai ter lugar en San Vicente do Mar a terceira Concentración de Barcos Clásicos, organizada polo Club Nautico San Vicente. A saida está prevista para as 11:30. O percorrido será desde San Vicente a Camouco, Picadillo, Lanzada e San Vicente. O sábado haberá xornada de portas abertas e cea para os participantes.

XIV Encontro de Embarcacións Tradicionais de Bueu


Os vindeiros días 27, 28 e 29 de agosto vai ter lugar o XIV Encontro de Embarcacións Tradicionais de Bueu, organizado por Os Galos, e coa colaboración de Bueu Turismo, Museo Massó, Cineclube Bueu e Confraría de Pescadores San Martiño.
Como outros anos o Encontro de Bueu coincide coa Festa do Polbo, que ademais da degustación de polbo, conta cun programa variado.

O programa do XIV Encontro tamén é amplo e variado, con charlas, cine, regatas e botadura dun tiknot.
A organización facilita aloxamento no Pavillón, e comida e cea o día 28.
Os interesados en acudir poden inscribirse gratuitamente no correo galosbueu@yahoo.es ou chamando ao 600 426 086 , indicando os datos do barco e número de tripulantes. É importante facelo o máis pronto posible para facilitar o traballo dos organizadores.

Con motivo do Encontro o Museo Massó organiza o día 28 rutas didacticas en barco pola zona, que incluen o seguimento da navegación das embarcacións tradicionais. As rutas serán a bordo do Chasula, de caracter gratuito, e as prazas son limitadas. É unha boa oportunidade para coñecer e desfrutar do mar de Bueu, e navegar entre as embarcacións tradicionais a bordo dun barco singular.

A FGCMF participa en Sail and Oar 2010, na Illa de Cumbrae en Escocia.

A FGCMF acaba de participar en Sail and Oar, en Millport, na illa escocesa de Cumbrae. O evento foi organizado por Galgael e Cumbrae Community Development Company, dentro das actividades do Proxecto Dorna en Escocia. Participaron no evento barcos de Escocia, Gales, Irlanda, Pais Vasco e Galicia, e houbo presencia de varios constructores navais escoceses.
A Federación desprazou ata Cumbrae catro barcos (dorna, dorna de tope, buceta e gamela), 6 persoas e material informativo (publicacións, folletos, etc.) Na mesma expedición tamén se transportou o material enviado pola Deputación de Coruña e a Consellería do Mar, socios ambos do Proxecto Dorna, e con presencia no evento.

O bo tempo que tivemos os dous días permitiu que os barcos navegasen sen problemas, sobre todo polas tardes, xa que polas mañáns o vento era frouxo. O pouco vento non afectou ao grande número de barcos escoceses de remo que tiveron oportunidade de bogar en óptimas condicións.
Foron moitas as persoas que se interesaron polos nosos barcos, e que fixeron preguntas sobre como se chamaban, construían, ou patroneaban. Os barcos estiveron fondeados polo que só se podían ver con detalle cando se achegaban a terra para embarcar xente, pero estiveron facendo largos continuamente fronte á praia para que a xente poidese aprecialos. A vela de relinga chamou a atención, sobre todo pola forma de facer a maniobra de virada.

En Cumbrae tamén estaban carpinteiros de ribeira galegos que estaban a visitar estaleiros escoceses dentro dos actos programados no proxecto Dorna, xunto con persoal do COAG, da Consellería do Mar e da Deputación da Coruña.

Dentro do evento presentáronse parte dos traballos do Proxecto Dorna: a base de datos para o inventario de embarcacións e estaleiros, a marca BATE, e as visitas a estaleiros de Galicia, Portugal, País Vasco e Escocia.

Foi unha boa experiencia para todos e esperamos que desta viaxe nazan lazos cos amigos escoceses e irlandeses que propicien intercambios de experiencias e novos encontros.

No blog da ACD Dorna tendes un resume do vivido pola nosa expedición, tamén hai un album de fotos de Francisco Vazquez Grandal, unha crónica do mesmo autor, e outras fotos no album deste sitio web.

Distribuir contido