Xornadas, congresos, etc

IV Jornadas de la Asociación de Museos y Centros de Patrimonio Cultural Marítimo de España

Os vindeiros 26 e 27 de xaneiro van ter lugar no Museo Marítimo de Santander as IV Jornadas de la Asociación de Museos y Centros de Patrimonio Cultural Marítimo de España, que van estar centradas no tema Xestión das embarcacións históricas.
A casuística das embarcacións nos museos, xa sexan como barcos a flote, xa sexan como parte das exposicións, é moi variada e presenta múltiples aspectos que serán estudiados nos diferentes paneis que recolle o programa das xornadas.
Hai que destacar a presenza de Francisco Ramos, Subdirector General de Seguridad Marítima y Contaminación da Dirección General de la Marina Mercante, que falará da perspectiva que ten a DGMM sobre os barcos históricos. Estas xornadas son abertas ao público, pero o aforo é limitado polo que a data límite para inscribirse é o 23 de xaneiro.

Silencis i absències en els processos de patrimonialització de la cultura marítima. Videos

Están disponibles en Documare os videos das intervencións dos ponentes do seminario Silencis i absències en els processos de patrimonialització de la cultura marítima.
Todas elas son interesantes e paga a pena velas, pero queremos destacar a de Dionisio Pereira, Antagonismo y memorias cruzadas en la pesca: el caso gallego, que fai un repaso a pouca presenza do conflicto entre grupos e clases na memoria dos últimos 80 anos da pesca en Galicia.

E tamén queremos destacar a ponencia de Juan Antonio Apraiz (Koiote), La patrimonialización efectista de la cultura marítima, que seguro animará a discusión sobre o papel do patrimonio marítimo na actualidade.

Silencis i absències en els processos de patrimonialització de la cultura marítima. Seminario

Vai ter lugar o vindeiro día 17 de decembro en Palamós o Seminario Silencis i absències en els processos de patrimonialització de la cultura marítima, organizado polo Institut Català de Recerca en Patrimoni Cultural e a Càtedra d'Estudis Marítims da Universitat de Girona.

Segundo o programa, os expertos chegados de España, Portugal, Francia e Canadá reflexionarán sobre como se están producindo os procesos de patrimonialización da cultura marítima tanto en España como fora, salientando os aspectos que están ausentes ou silenciados neste proceso.
A asistencia ao Seminario é gratuita, pero é preciso inscribirse previamente xa que as prazas son limitadas.

VII Semana do Mar. Marín


A vindeira semana do 5 ao 11 de decembro vai ter lugar a VII Semana do Mar na Casa da Cultura do Seixo (Marín) organizada pola Asociación de Pescadores de Aguete "Chirleu" e o Grupo Cultural "Ronsel".

O programa que se pode ver no cartel inclue a exposición fotográfica Polos mares austrais, a proxección do documental Bueu, unha bota de altura, unha coferencia de Fidel simes sobre o bote polbeiro, o documental O naufraxio do Sirio, unha conferencia de Rafael Bañón sobre os peixes de Galicia, unha visita ao Museo do Mar de Galicia, unha saida a vela en embarcación tradicional desde Aguete, e a proxección do documental Galeg@s universais: historias do mar.

Carpinterías de ribeira. Pasado, presente e futuro. I Xornadas sobre patrimonio marítimo, Bueu

A asociación sociocultural Motivos d´aldea organiza o vindeiro sábado 15 de outubro unha xornada sobre a carpintería de ribeira. Será no Museo Massó de Bueu ás 18:00. A entrada é gratuíta e non é precisa a inscrición previa.

A directora do Museo Massó, Covadonga López de Prado Nistal, o arquiecto Óscar Fuertes Dopico e o economista e historiador Dionisio Pereira González ofrecerán as distintas perspectivas (histórica, actual e futuro) da industria que forma parte do patrimonio marítimo galego.

Cada conferencia durará uns 20 minutos. O museo de portas para afora por parte de Covadonga López, abre a xornada e tratará a perspectiva histórica. O caso do Charango será exposto por Óscar Fuertes en Arquitecturas de ribeira: O Charango. Xa que que participou no único proxecto de investigación executado sobre un estaleiro de ribeira en Galicia. As prospeccións para o futuro serán tratadas dende o punto de vista económico por Dionisio Pereira en Carpinterías de ribeira: diagnóstico de problemas e posibles solucións. Por último, unha mesa redonda dará peche á xornada. Nela, participarán os conferenciantes e o antropólogo Staffan Mörling.

IV Xornadas de construción naval en madeira. Un mar de madeira.

O vindeiro sábado 15 de outubro van ter lugar na Casa da Cultura de Boiro as IV Xornadas de contrución naval en madeira "Un mar de madeira".

Organizadas por Agalcari, contarán cun interesante programa, onde Alberto Lagos, de Estaleiros Lagos, falará sobre o deseño de embarcacións de madeira. Azahara Soilán e Montserrat Rodríguez, técnicos do CIS Madeira, explicarán as vantaxes medioambientais da construción en madeira. Diego García, Subdirector General Adjunto de Seguridad, Contaminación e Inspección da Dirección General de Marina Mercante, falará sobre os aspectos que afectan á regulamentación da construción naval en madeira. Lino Lema, da Consellería do Mar, exporá o plan de actuación para a construción naval en madeira nacido do Proxecto Dorna. E finalmente Gerardo Triñanes, presidente de Agalcari, falará sobre o futuro da construción naval e madeira.
Haberá tamén unha mesa redonda onde os relatores respostarán ás preguntas do público.

Rematará o acto coa entrega do segundo premio Fasquía en recoñecemento do labor dos mestres carpinteiros de ribeira.

O acto, aberto ao público e presentado por Pablo Carrera, Director do Museo do Mar de Galicia, contará coa presenza da Directora General de Marina Mercante, Conselleira do Mar, e Alcalde de Boiro.

Xornadas técnicas do Proxecto Dorna

Os vindeiros 6, 7 e 8 de outubro van ter lugar no Museo do Pobo Galego, Santiago, as Xornadas técnicas do Proxecto Dorna.

O programa inclue tres días de xornadas técnicas que permitirán presentar os resultados do proxecto e dar continuidade á aplicación dos mesmos. Expertos europeos do sector da construción naval en madeira reuniranse en Santiago durante tres días para traballar na creación dunha rede de traballo no ámbito do Espazo Atlántico e na avaliación da formación do sector, garantindo deste xeito, a transferencia dos resultados do proxecto.

A xornada do día 6 será aberta ao público e tratará “A construción naval en madeira no Espazo Atlántico europeo”. Análise da situación da construción naval en madeira nos países do Espazo Atlántico (Irlanda, Reino Unido, Francia, España e Portugal), os proxectos en marcha e as perspectivas de futuro. Dedicarase un apartado a valorar a situación da formación en construción naval en madeira en todos os niveis.

O día 7, tamén aberta ao público, farase a Xornada de Presentación de resultados e clausura do Proxecto DORNA

O día 8, xa restrinxido aos socios do Proxecto, farase unha Xornada de debate e proposta sobre como establecer unha rede europea permanente de colaboración sobre construción naval en madeira.

Para poder participar nas Xornadas é preciso inscribirse xa que as prazas son limitadas, para o que se usará o formulario habilitado na páxina do Proxecto Dorna

“A Riqueza do Patrimonio Marítimo”. Xornada divulgativa do GAC7

O vindeiro día 16 de setembro de 9:30 a 18:00 horas o Grupo de Acción Costeira 7 organiza no Centro Cultural de Priegue, Nigrán, a xornada divulgativa “A Riqueza do Patrimonio Marítimo”. O obxectivo desta xornada é difundir a importancia que o patrimonio marítimo ten desde un punto de vista económico e social.

Intervirán nas xornadas ademais do Alcalde de Nigrán e do equipo do GAC: Víctor Fernández, presidente da FGMCF, que falara sobre o patrimonio como motor económico; Xosé Lois Vilar, do Instituto de Estudios Miñoranos, que falará sobre talasonímia; Tiago Pérez González, de Mar da Pedra, que falará sobre as gamelas guardesas e coruxeiras; e Lino Lema, da Consellería do Mar, que falará sobre para que queremos o patrimonioo marítimo.

Rematará a xornada cun roteiro guiado polo patrimonio marítimo da zona.

O aforo é limitado polo que os interesados en inscribrise deben enviar nome, entidade e teléfono de contacto a gacvigoaguarda@yahoo.es.

II Xornadas "O mar de Marín"

O ateneo Santa Cecilia de Marín organiza as II Xornadas "O Mar de Marín" do 7 ao 30 de setembro. Durante este tempo estará aberta unha exposición con materiais relacionados coa cultura marítima marinense, que abrirá de 18:00 a 21:00 de luns a venres e de 12:00 a 13:30 os sábados e domingos.
O programa das Xornadas é amplo e moi variado, incluíndo actuacións musicais, conferencias, presentación do prototipo do Museo Naval de Marín, encontro de embarcacións tradicionais, etc.

Hoxe 12 de setembro está previsto que Braulio Puga, membro da A.M.A.D. San miguel de Bouzas, e secretario da FGMCF, dé unha conferencia sobre os traballos de recuperación do patrimonio que Mariñeiros de Bouzas están levando adiante.

Homenaxe a Manuel Lopes

Este é o texto da intervención de Dionisio Pereira, primeiro presidente da FGCMF, na homenaxe a Manuel Lopes, dentro dos actos do XX aniversario da lancha poveira do alto Fé em Deus:

Non é moi coñecido pero, se cadra, hoxe é unha boa oportunidade para lembralo e incorporalo á nosa memoria colectiva, a dos galegos e galegas e a dos poveiros e poveiras: a primeira intervención pública da Federación Galega pola Cultura Marítima (aínda non se lle tiña incorporado a faciana Fluvial), non foi na Galiza, senón que foi precisamente eiquí, na Póvoa de Varzim, o 8 de Xullo do ano 1994, con ocasión do Colóquio “Património Marítimo que futuro?” celebrado na Casa de Cultura desta localidade. Daquela, este que vos fala, como primeiro Presidente da Federación Galega, compartiu tribuna co antropólogo sueco-galaico Staffan Mörling, co Presidente da Cámara de Póvoa de Varzim naquela altura e cos nosos benqueridos o arquitecto e historiador naval Octávio Lixa Filgueiras e Manuel Lopes, nese tempo director da Biblioteca Municipal “Rocha Peixoto” e do Museu Municipal de Etnografia e História.

Aquela, porén, non foi unha ocasión illada, senón que formou parte dos múltiples contactos que os poveiros e os galegos amantes da cultura o do patrimonio marítimo, mantivemos xa dende finais dos anos 80 do século pasado. Na Galiza, coñeciamos ben a obra do tamén malogrado Octávio Lixa Filgueiras e de maneira moi particular o seu espléndido traballo sobre “O Barco Poveiro”; tamén lle facíamos un puntual seguimento ao Proxecto de construción da lancha poveira, posto que, nas nosas visitas á Biblioteca “Rocha Peixoto” e ao Museu Municipal, recibíamos da man de Manuel Lopes aqueles entusiastas boletíns mensuais titulados “Notícias da Lancha”. Despois, xa no verán do ano 1993, a participación da “Fé em Deus” no Iº Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, celebrado no porto arousán de Santa Uxía de Ribeira, maravillou a todo o mundo quer pola beleza e fidelidade da súa fasquía, quer pola impactante recuperación das vellas técnicas de navegación. E non hai que dicir que, dende aquela, a presenza nas augas galegas da lancha poveira e do seu arrais Manuel Lopes, foi reclamada unha e outra vez, até o día de hoxe.

O motivo do noso fondo interese polo que acontecía na Póvoa co Proxecto da Lancha e coas actividades que por eiquí se levaban a cabo para salvagardar a súa particular identidade mariñeira, non era outro que aprender dos principios que alumeaban estes traballos impulsados polo coñecemento e polo esforzo dos admirados Manuel Lopes e Octávio Lixa Filgueiras. Uns principios e uns valores que, compre dicilo agora coa perspectiva que nos da o tempo pasado e o triste feito de que Manuel e Octávio xa non estean connosco, influíron de maneira notoria tanto no proceso de conformación e desenvolvemento da nosa Federación, como na definición da súa propia identidade.

Cabería salientar, pois, que Octávio Lixa achegóunos non só o seu rigor científico e a súa inmensa sabedoría á hora de documentar e investigar os barcos tradicionais, mais tamén o seu convencemento de que, no mar sen fronteiras, veuse tecendo entre Galiza e o Norte de Portugal unha unidade cultural, cuxas pegadas perduran na presenza ou na lembranza dalgunhas embarcacións de tipoloxía compartida, como as lanchas volanteiras de Póvoa de Varzim e do Porto do Son; dos carochos minhotos de Lanhelas e Goián; das masseiras de Áncora e das catraias de Esposende, xemelgas dos botes angarelleiros e das gamelas guardesas. No mesmo derroteiro, de Manuel Lopes recollimos a súa paixón e rexa vontade por conservar, recuperar e socializar o legado do mar para incorporalo ao imaxinario colectivo das populacións, convertidas estas en protagonistas colectivas quer das angueiras recuperadoras, quer dos novos usos aplicados aos distintos bens patrimoniais postos a disposición de toda cidadanía.

Defensa da utilidade pública e do carácter tanto popular como voluntarista do movemento a prol da cultura marítima; valoración do traballo ben feito no tocante á documentación, rehabilitación e construción de réplicas das embarcacións de interese patrimonial; atención aos múltiples vínculos que enfeitan e unen na diversidade ambas beiras do Minho. Velaí o legado de Manuel Lopes e Octávio Lixa Filgueiras á Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial e a todos os galegos e galegas.

Por iso, Manuel e Octávio forman parte da nosa historia e nos acompañan en cada paso que damos. E tamén por iso, na medida en que actuemos e sexamos consecuentes coa nosa raigame e cos nosos sinais de identidade máis queridos e máis distintivos, Manuel Lopes e Octávio Lixa Filgueiras permanecerán vivos connosco.

“In memoriam”. Na súa memoria.

Distribuir contido