
Os vindeiros 3, 4 e 5 de setembro vai ter lugar en Curuxeiras, en Ferrol, a XVIII Parrocheira, organizada polo Club do Mar de Ferrol e que este ano sirve de marco a unha Mostra de Embarcacións Tradicionais, en seco, que forma parte das actividades do Proxecto Dorna. Ademáis coincide co centenario da Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao.
Segundo o programa haberá unha mostra de 20 barcos en terra, de diferentes tipoloxías para que a xente vexa como son as obras vivas e poida ver con detalle o interior. Tamén haberá unha exposición sobre o Centenario da Autoridade Portuaria, e actividades para os nenos, cunha piscina para navegación e obradoiros infantís.
Por suposto haberá navegación, taberna mariñeira e música ao remate do día. Os interesados en acudir co seu barco que por favor contacten coa Sección de Vela Tradicional do club do Mar indicando datos do barco e número de tripulantes.
Exposicións
XVIII Parrocheira. Mostra Proxecto Dorna
Enviado por O mestre o Mér, 01/09/2010 - 21:57II Mostra das Tradicións Mariñeiras. A Guarda
Enviado por O mestre o Lun, 19/07/2010 - 18:37
Os vindeiros 24 e 25 de xullo vai ter lugar a 2ª Mostra das Tradicións Mariñeiras no porto da Guarda. O programa empeza realmente o 21 de xullo coa proxección do video Lendas do mar da Guarda, seguido dunha charla coloquio.
Haberá exposicións de barcos, maquetas, cestería, traxes, etc. Os obradoiros serán de cestería, nós, cordoería, encascado, modelismo, etc. E haberá tamén actividades lúdicas como paseo en gameliñas, lanchas teledirixidas, deportes náuticos, etc. Non faltará a música, a gastronomía, e o mercado mariñeiro.
O Clube Marítimo Marisma da Ramallosa e a FGCMF colaboran na organización deste evento xunto a moitas outras entidades
II Festa das Tradicións Mariñeiras. A Guarda
Enviado por O mestre o Mér, 19/05/2010 - 09:22Organiza: Concello da Guarda
Historia do principe e a sardiña, no Museo do Mar de Galicia. Exposición
Enviado por O mestre o Lun, 10/05/2010 - 19:12
Mañán 11 de maio vaise inaugurar no Museo do Mar de Galicia ás 19:00 horas a exposición Historia do principe e a sardiña. A expedición científica de Albert I de Mónaco ás costas de Galicia e Portugal.
Á inauguración contará coa presenza da científica Carmela Porteiro.
Esta exposición, da que xa falamos anteriormente, é de entrada gratuita e vai estar aberta ata o 11 de xullo.
"Patrimonio do vento e do sal" nos colexios de Poio. Exposición
Enviado por O mestre o Sáb, 08/05/2010 - 10:47
O Clube Mariño A Reiboa, inaugurou o luns 26 de abril a exposición Patrimonio do vento e do sal no I.E.S. do concello de Poio. Esta exposición rotará polos centros de ensino do concello durante as próximas semanas e pretende con esta, concienciar a os máis xóvenes na importancia da conservación deste patrimonio marítimo. Para organizar esta exposición, o Clube Mariño A Reiboa, contou ca colaboración da Federación Galega pola Cultura Maritima e Fluvial e co Concello de Poio.
Moncho Lastra. Pintura mariñeira. Exposición
Enviado por O mestre o Mér, 21/04/2010 - 22:11
O vindeiro venres 23 de abril ás 20:30 horas vaise inaugurar no Casal de Ferreirós, en Poio, a exposición Moncho Lastra. Pintura mariñeira, organizada polo Club Mariño A Reiboa e o Concello de Poio, e que estará aberta ata o 18 de maio.
Ramón Lastra foi un grande artista, acuarelista, navegante, maquetista e amante dos barcos tradicionais. Os que leven tempo asistindo a Encontros e Xuntanzas seguro que lembrarán o seu Dragón Tannhauser.
Del foi a idea do monumento a Nemo en Cesantes, que logo xunto co escultor Sergio Portela el mesmo levou adiante.
Nesta exposición as obras escollidas teñen como tema as embarcacións tradicionais e tamén as rías galegas.
A obra de arriba é unha acuarela do Cabo de Hornos feita coa mesma auga do Cabo, e que tomamos prestada da súa antiga web que por desgracia xa non está activa.
Debuxantes da pedra, fabricantes da lata: O legado de “La Artística, S.A". Exposición
Enviado por O mestre o Mér, 14/04/2010 - 20:49
Dende onte e ata o vindeiro 16 de xuño vai estar aberta no Museo do Pobo Galego a exposición Debuxantes da pedra, fabricantes da lata: O legado de “La Artística, S.A" , que comisariada por Xesús Giraldez e Lino Lema fai un repaso á vida de La Artística, a principal empresa do sector metalgráfico nas primeiras décadas do século XX e que hai pouco tempo celebrou o seu 100 aniversario.
O sector metalgráfico naceu para fornecer de envases á industria conserveira e foi un dos sectores punteiros antes da guerra civil, e que logo se veu abocado á práctica desaparición polo estancamento producido pola situación económica da posguerra.
Na exposición pódense ver pedras litográficas e deseños que pertencen aos fondos depositados polos herdeiros dos fundadores da empresa no Museo do Pobo Galego, e tamén se poderá ver unha película promocional dos anos 20 onde se mostra o procedemento completo de fabricación de latas para conserva.
Tous les bateaux du monde. Exposición
Enviado por O mestre o Mér, 31/03/2010 - 23:24O Musée National de la Marine, en París, alberga ata o 19 de setembro a exposición Tous les bateaux du monde, arredor das navegacións e investigacións do Almirante Pâris.
François-Edmond Pâris (1806-1893) foi un mariño, científico, artista, e estudioso dos barcos tradicionais de todo o mundo. Nas súas viaxes recolleu informacións, fixo planos e debuxou acuarelas da vida marítima e fluvial dos pobos que visitou, e tamén tiña unha rede de informadores en moitos paises que lle forneceron datos e planos dos barcos da súa zona.
Na exposición pódense ver varios barcos, 150 maquetas de barcos, pinturas, planos, etc, de barcos dos cinco continentes.
Para os que non teñan a sorte de poder achegarse a París antes do remate, o Musée elaborou unha pequena pero deliciosa e moi recomendable exposición virtual
(Vía O mar das Garrafas)
De la mer, de la mer. Exposición
Enviado por O mestre o Ven, 15/01/2010 - 12:55![]()
O vindeiro sábado 16 de xaneiro ás 22:30 vaise inaugurar no Museo do Mar de Galicia en Vigo a exposición De la mer, de la mer do artista Baltazar Torres. Esta exposición estará aberta ata o 15 de abril de 2010.
Historia do principe e a sardiña. A expedición científica de Albert I de Mónaco ás costas de Galicia e Portugal.
Enviado por O mestre o Ven, 18/12/2009 - 21:46
Ata finais deste mes de decembro está aberta no Aquarium Finisterrae a exposición "Historia do principe e a sardiña". Organizada polo Aquarium en colaboración co Musée Océanographique de Mónaco e coa participación e patrocinio do Museo do Mar de Galicia, esta exposición recolle materiais e fotos inéditas das expedicións que en 1886 e 1909 fixo o Principe Albert I de Mónaco a Galicia e Portugal para estudar a pesca da sardiña.
Albert I, fundador da Oceanografía, chegou ás nosas costas para estudiar a sardiña debido a que na década de 1880 desaparecera por completo das costas bretonas causando un gravísimo prexuízo á economía de Bretaña.
Esta desaparición da sardiña en Bretaña axudou ao despegue da conserva galega, do complexo mar-industria en Galicia, e tivo unha enorme repercusión no desenvolvemento do tecido industrial da costa.
Daquelas campañas quedan unhas interesantísimas fotografías inéditas que mostran o inicio da pesca industrial en Galicia, e tamén o final dalgúnhas tipoloxías de barcos de pesca a vela, como o que podedes ver na foto de arriba, posiblemente un volanteiro do Son, aparellado con vela de relinga nos seus dous paus.
Paga a pena unha visita ao Aquarium porque as fotos están reveladas en gran formato, o que permite observar moitos detalles nelas que raramente se viron anteriormente.
Estas viaxes deron lugar a publicacións científicas sobre a sardiña e a súa pesca, por exemplo La pêche de la sardine sur les côtes d'Espagne (en francés) que recolle as características da pesca co cedazo ou cerco real de Maristany na Coruña.
Fotos do Principe Albert I, os seus barcos e os seus intrumentos de investigación pesqueira





Comentarios recentes
hai 3 días 11 horas
hai 3 días 19 horas
hai 1 semana 2 días
hai semanas 3 días
hai semanas 5 días
hai semanas 6 días
hai semanas 1 día
hai semanas 3 días
hai semanas 4 días
hai semanas 8 horas