Máis sobre bandeiras azuis e patrimonio marítimo


Parece que o caso de Sant Pol non está tan craro como semellaba nun principio. En El mar es el camí a resposta de ADEAC, a organización que xestiona as bandeiras azuis, contradice o afirmado polo Concello, e suxire que se está facendo un uso "interesado" da defensa do patrimonio marítimo. E como proba afirma que en anos anteriores a praia tivo bandeira azul e a varada de barcas facíase sen problemas.

Respecto de Galicia, na listaxe de praias con bandeira azul no 2009 aparecen: Area Brava, Menduíña e Nerga en Cangas, Area de Bon en Bueu, e Canido e Fontaiña (arriba na foto) en Vigo. Todas elas son praias con zonas tradicionais de varada.

Parece entón, se non aparecen máis datos, que o concello de Sant Pol aproveitouse da defensa do patrimonio marítimo para cubrir outras deficiencias.

Información sobre gamelas e zonas de varada en Mar da pedra e no blog Mardapedra

Mar por dentro IV: perdidos na area (1). Documental



Unha nova entrega da serie Mar por dentro, que nos mostra a vida dos peixes e mariscos que máis apreciamos para comer. Neste caso fala dos peixes de area: rodaballos, sollas, e linguados.

"Patrimonio do vento e do sal" nos colexios de Poio. Exposición

O Clube Mariño A Reiboa, inaugurou o luns 26 de abril a exposición Patrimonio do vento e do sal no I.E.S. do concello de Poio. Esta exposición rotará polos centros de ensino do concello durante as próximas semanas e pretende con esta, concienciar a os máis xóvenes na importancia da conservación deste patrimonio marítimo. Para organizar esta exposición, o Clube Mariño A Reiboa, contou ca colaboración da Federación Galega pola Cultura Maritima e Fluvial e co Concello de Poio.

III xornadas da Asociación de Museos e Centros de Patrimonio Cultural Marítimo de España


As Terceiras xornadas da Asociación de Museos e Centros de Patrimonio Cultural Marítimo de España terán lugar no Museo do Mar de Galicia os próximos 25 e 26 de Maio baixo o título: Patrimonio Intanxíble Marítimo: retos e oportunidades para a súa posta en valor.
Ademáis do patrimonio intanxible tamén se vai falar da arqueoloxía subacuática á que vai estar adicado o segundo día das xornadas.
Tanto no apartado de patrimonio intanxible como no de arqueoloxía o programa é completo e moi interesante, co obxectivo de coñecer o estado actual da investigación nestes temas, e promover sinerxias entre os actores presentes neste campo, nomeadamente Museos e Centros de Patrimonio e Asociacións e ONGs.
A asistencia é gratuita, previa inscrición.
Máis información, programa e formulario de inscrición

Mariñeiros vs. bandeiras azuis


Se hai pouco falabamos dos problemas dos veciños de La Atunara, na Linea, agora toca dar unha boa nova, que indica que algo se está a mover nas administracións.
O Concello de Sant Pol de Mar, en Cataluña, acaba de renunciar a ter bandeira azul nunha das súas praias porque a entidade que otorga as bandeiras puxo como requisito a eliminación de varadas de barcas.
O Concello no seu comunicado di que "pretenden sacar de nuestras playas los elementos tan característicos de la vida de pueblo y del patrimonio local como las barcas de pesca o el entoldado de la fiesta mayor, uno de los requisitos que nos sugieren para otorgarnos la bandera azul".
Esperemos que cunda o exemplo e a xente vaia entendendo que barcos e comunidades mariñeiras son o mesmo e non se entenden un sen o outro, e que os barcos sen as instalacións e modos de uso que lle son propios tampouco se poden entender.

Foto: Joan Sol
(Vía El mar es el camí)

A semana na prensa

Ademais da noticia sobre a de Purro da que falamos anteriormente, esta semana a prensa recolle:
A presencia do Nauja en Moaña para facer base xunto con Baiona e Vigo no programa do CEMMA "Navegando entre illas"
A visita a Malpica de un grupo de ONGs e agrupacións de pescadores europeas onde tiveron un coloquio sobre o futuro da pesca, poñendo de manifesto como a pesca artesanal se está relegando en favor da industrial.
Tamén se recolle a presentación do último informe de Greenpeace sobre a pesca en España.

Novas da de Purro



A nova que esperamos todos ainda non chegou, pero si temos dúas positivas, a primeira que un grupo de hosteleiros da Banda do rio, en Bueu, van enviar unha petición á Cultura para que se conserve e poña en valor a carpintería de Purro e a outra é que a páxina de Facebook Salvemos o estaleiro xa ten 777 siareiros.
Arriba podedes ver un video sobre o bote polbeiro de Bueu, con gravacións de principios do século XX e unha pequena entrevista a Víctor Domínguez, presidente dos Galos.

O Santa Maria Manuela arma velas


O Santa María Manuela rematou a súa estadía en Marín e volve a Aveiro este domingo 2 de maio. A chegada a barra do Porto de Aveiro esta prevista para as 15:30 horas.

O domingo será un grande día para a xente de Aveiro. Parabéns a eles, e parabéns á Pascoal, empresa que investiu 8 millóns de euros para recuperar este lugre, nunha iniciativa máis que meritoria, guiada polos seus valores: Tradição . Patriotismo . Qualidade . Inovação . Confiança
Desexámoslle boa singradura, e esperamos velo pronto en mares galegos.
Foto: Mário Marnoto
(Vía Caxinas...)

Barlovento. O novo disco de SonDeSeu

SonDeSeu, a orquesta de música folk que naceu da Escola Municipal de Música Folk e Tradicional de Vigo, está de xira presentando o seu novo disco Barlovento.
Este disco está adicado a todos os que traballan para que a cultura marítima galega siga viva, conservando a tradición e mirando ao futuro.
Nesta entrevista a Rodrigo Romaní e Chisco no programa Otros acentos de Radio 5 teredes cumprida información sobre a orquesta e Barlovento.
Actualización: tamén entrevistaron a ambos no programa Discópolis de Radio3.

Un novo galeón para a flota, o Industrial


O galeón Industrial está a punto de volver á vida. Están rematando os traballos de restauración deste fermoso barco, que previsiblemente veremos navegar este verán.
Máis información e fotos en Dornablog

Distribuir contido