XIV Encontro de Embarcacións Tradicionais de Bueu


Os vindeiros días 27, 28 e 29 de agosto vai ter lugar o XIV Encontro de Embarcacións Tradicionais de Bueu, organizado por Os Galos, e coa colaboración de Bueu Turismo, Museo Massó, Cineclube Bueu e Confraría de Pescadores San Martiño.
Como outros anos o Encontro de Bueu coincide coa Festa do Polbo, que ademais da degustación de polbo, conta cun programa variado.

O programa do XIV Encontro tamén é amplo e variado, con charlas, cine, regatas e botadura dun tiknot.
A organización facilita aloxamento no Pavillón, e comida e cea o día 28.
Os interesados en acudir poden inscribirse gratuitamente no correo galosbueu@yahoo.es ou chamando ao 600 426 086 , indicando os datos do barco e número de tripulantes. É importante facelo o máis pronto posible para facilitar o traballo dos organizadores.

Con motivo do Encontro o Museo Massó organiza o día 28 rutas didacticas en barco pola zona, que incluen o seguimento da navegación das embarcacións tradicionais. As rutas serán a bordo do Chasula, de caracter gratuito, e as prazas son limitadas. É unha boa oportunidade para coñecer e desfrutar do mar de Bueu, e navegar entre as embarcacións tradicionais a bordo dun barco singular.

A FGCMF participa en Sail and Oar 2010, na Illa de Cumbrae en Escocia.

A FGCMF acaba de participar en Sail and Oar, en Millport, na illa escocesa de Cumbrae. O evento foi organizado por Galgael e Cumbrae Community Development Company, dentro das actividades do Proxecto Dorna en Escocia. Participaron no evento barcos de Escocia, Gales, Irlanda, Pais Vasco e Galicia, e houbo presencia de varios constructores navais escoceses.
A Federación desprazou ata Cumbrae catro barcos (dorna, dorna de tope, buceta e gamela), 6 persoas e material informativo (publicacións, folletos, etc.) Na mesma expedición tamén se transportou o material enviado pola Deputación de Coruña e a Consellería do Mar, socios ambos do Proxecto Dorna, e con presencia no evento.

O bo tempo que tivemos os dous días permitiu que os barcos navegasen sen problemas, sobre todo polas tardes, xa que polas mañáns o vento era frouxo. O pouco vento non afectou ao grande número de barcos escoceses de remo que tiveron oportunidade de bogar en óptimas condicións.
Foron moitas as persoas que se interesaron polos nosos barcos, e que fixeron preguntas sobre como se chamaban, construían, ou patroneaban. Os barcos estiveron fondeados polo que só se podían ver con detalle cando se achegaban a terra para embarcar xente, pero estiveron facendo largos continuamente fronte á praia para que a xente poidese aprecialos. A vela de relinga chamou a atención, sobre todo pola forma de facer a maniobra de virada.

En Cumbrae tamén estaban carpinteiros de ribeira galegos que estaban a visitar estaleiros escoceses dentro dos actos programados no proxecto Dorna, xunto con persoal do COAG, da Consellería do Mar e da Deputación da Coruña.

Dentro do evento presentáronse parte dos traballos do Proxecto Dorna: a base de datos para o inventario de embarcacións e estaleiros, a marca BATE, e as visitas a estaleiros de Galicia, Portugal, País Vasco e Escocia.

Foi unha boa experiencia para todos e esperamos que desta viaxe nazan lazos cos amigos escoceses e irlandeses que propicien intercambios de experiencias e novos encontros.

No blog da ACD Dorna tendes un resume do vivido pola nosa expedición, tamén hai un album de fotos de Francisco Vazquez Grandal, unha crónica do mesmo autor, e outras fotos no album deste sitio web.

Nova regata da Copa Balbina

Os Patexeiros organizan o vindeiro sábado 21 de agosto unha nova regata da copa Balbina en Sada. A saida será ás 17:00 horas e no seu blog hai unhas precisas indicacións sobre as normas a seguir para participar.

O Illa de Cortegada xa está no mar.

Onte, 10 de agosto, tivo lugar a botadura do galeón Illa de Cortegada. O barco non está totalmente rematado, xa que ainda falta a arboladura e as velas, pero os amigos de Rompetimóns teñen previsto que a arribada a Carril, xa completo, sexa no mes de setembro.
Desexámoslle longa vida e bo vento.

Noticia da botadura do Faro de Vigo.
Entrevista con Miguel Gago

(Foto Iñaki Abella)

XV Concentración de Embarcacións Tradicionais. Poio 2010

O Clube Mariño a A Reiboa e o Concello de Poio organizan a XV Concentración de Embarcacións Tradicionais, en Combarro do 20 ao 22 de Agosto.
Os interesados en acudir co seu barco poden inscribirse neste formulario, ou directamente no correo cmreiboa@gmail.com.
O programa da Concentración inclue a botadura dunha nova dorna de tope, regatas a remos, a Regata da Pamplina e a Volta a Illa de Tambo, entre outras actividades.
Os organizadores aconsellan facer a inscrición o antes posible para poder reservar atraque para os barcos que acudan.

III Regata de Dornas de San Vicente

Organizada por Amigos da Dorna Meca e o Club Náutico San Vicente do Mar vai ter lugar o vindeiro sábado 14 de agosto a III Regata de Dornas de San Vicente. A saida será en Pedras Negras ás 16:00 horas.

Actualización: a clasificación da regata foi:

1. Fuxe, de Manolo Parada
2. Lamaschica, de Daniel Otero
3. Maristela, de Claudio Ameneiro

Club con máis dornas participantes: Asociación de Amigos da Dorna Meca

Nova proposta para o Estaleiro de Purro, na Banda do Rio en Bueu

Desde Os Galos envíannos a nova proposta para a de Purro (9 MB), en Bueu. Esta proposta nace da negociación entre os interesados no futuro do estaleiro e ainda ten que obter todos os apoios oficiais necesarios.
No Faro do Vigo do pasado día 8 dase unha explicación da nova proposta e do consenso acadado entre os que defendían a conservación do estaleiro e os que pretendían que fose derrubado.
O documento é un pdf coa opción de ver en 3D o modelo, polo que recomendamos velo coa última versión do Acrobat Reader ou outro visualizador similar.

Cambio de data da Regata do Bao

A Regata do Bao cambia a súa data, pasa para o 28 de agosto, ás 16 horas.

XXVI Volta á Arousa. Segundo intento

Mañán vai ter lugar a XXVI Volta á Arousa, ás 16:00 h e en segunda convocatoria, xa que na primeira data houbo que suspender pola predicción meteorolóxica.
Actualización: os resultados desta edición da Volta podedes velos no blog da ACDDorna

O Eliseo xa ten velas

Na foto de arriba podedes ver o Eliseo coas súas novas velas. Quen queira velo de cerca pode acudir ao Encontro de mañán en Moaña.

Distribuir contido