Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial . FGCMF
logo

Que é a Federación

Coa celebración dun encontro de embarcacións tradicionais no verán de 1993 nas augas de Ribeira, no costado de noroeste da ría da Arousa, comezou de facto a travesía da Federación Galega pola Cultura Marítima, aínda que a súa existencia legal é de finais de 1994. Desde a creación a súa sede está no costado de leste da mesma ría, en Cambados, vila pioneira no asociacionismo do mar e onde se fundou en 1917 o primeiro Pósito de Mariñeiros e Mariscadoras de todo o Estado español.

Dionísio Pereira, primeiro presidente da Federación, ten escrito sobre os soños e o entusiasmo da xente das tres asociacións fundacionais que ininterrompidamente formaron parte dese organismo ("Dorna Meca" do Grove, "Etnográfico Mascato" de Cambados e "Cofradía da Dorna" de Ribeira) e das asociacións que participaron no proceso constitutivo, pero que desapareceron ou non se integraron.
Co constante apoio de persoas alleas á Federación -particularmente co de Staffan Mörling, o sueco de Beluso que dignificou os barcos dos pobres, e co de Lino Lema, que desde a Consellería de Pesca da Xunta de Galicia sempre apoiou o movemento asociativo da recuperación das embarcacións e da cultura marítima tradicional-, con moito voluntarismo e con moito amor á navegación e a un patrimonio moi pouco valorado, a tripulación das asociacións pioneiras foi quen de ir contaxiando o seu entusiasmo a moita outra xente do litoral galego (e do norte de Portugal) que se foi embarcando na travesía de revitalizar e pór en valor un patrimonio marítimo nunha situación tan crítica a comezos dos anos 90 que, como dixo Xavier Trepat, “ata os máis optimistas eran pesimistas”.

Despois dun encontro de embarcacións nas augas do Grove en xullo de 1997, a Federación, en palabras de Dionísio, "ficou varada, sen directiva e sen actividade ningunha", mentres as asociacións mantiñan aceso o facho da posta en valor dese patrimonio. No verán de 1999 Xavier Trepat ocupou a presidencia ó refundarse a Federación coa integración de novas asociacións, entre as que cómpre salientar a "Cultural Dorna" da Illa da Arousa, organizadora da veterana regata de dornas arredor da Illa e que xa participara na fase previa de constitución a comezos dos 90. Nos últimos anos, baixo a presidencia de Xaquín Cuíñas e na actual de Fernando Piñeiro incorporáronse moi diversos colectivos que defenden a cultura dos mares e dos ríos.

Actualmente son 38 as asociacións que compoñen a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (FGCMF). Deles 36 son da beiramar, desde Burela, na Mariña luguesa, a Viana do Castelo, xa na costa miñota portuguesa, porque a federación é Galega da Gallaecia; e a estes hai que engadir dúas asociacións de barcas das ribeiras dos ríos Miño e Sil que se integraron a finais de novembro do 2003, nos mesmos días en que a xente da costa, desolada e impotente, vía como o negro piche do "Prestige" ía invadindo o medio que sempre lles dera de vivir.

Cada dous anos, e en verán, a FGCMF celebra o Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, que vén ser a “Gran Festa da Cultura e do Patrimonio Marítimo e Fluvial”. O primeiro, como xa se dixo, fíxose en Ribeira (1993) e os seguintes celebráronse en Coruxo (1995), O Grove (1997), Rianxo (1999) -este organizado pola Escola-Obradoiro de carpintería de ribeira "A Xeiteira" cando a Federación estaba varada-, Poio (2001), Illa da Arousa (2003) e Cambados (2005).

No pioneiro Encontro de Ribeira navegaron a penas dúas ducias de barcos tradicionais, mentres que no de Cambados se inscribiron 122 barcos (cos non inscritos superouse a cifra de 170) que arribaran de todo o litoral de Galicia e tamén de Portugal, Euskadi, Irlanda e litoral mediterráneo español. Nunca tantos tipos diferentes de embarcacións e de velas tradicionais se viran navegar nun Encontro da FGCMF; e nunca tantos tripulantes velearan xuntos -inscribíranse 755-, o que demostra a vitalidade do patrimonio marítimo, particularmente do galego, e a forza dun movemento asociativo socialmente aínda ben pouco visible para a maioría da poboación. Mesmo estivo presente unha rudimentaria lancha da vendima de Chantada das que navegaban polo río Miño.

No vindeiro mes de xullo celebrarase en Ferrol o VIII Encontro, onde de novo se mostrará a riqueza do patrimonio marítimo e fluvial de Galicia (e de países bañados polo Atlántico e o Mediterráneo) e a necesidade de o conservar, á vez que servirá para demostrar as posibilidades económicas do desenvolvemento das actuacións sobre a cultura e o patrimonio marítimo e as vías que se poden abrir para actividades que xeren emprego sen desgaste do medio mariño e fluvial. No Encontro da Illa (2001) institucionalizouse a presenza dun convidado de honra, que ese ano foi Portugal, mentres que no de Cambados foi o mar Mediterráneo e no de Ferrol será Bretaña.

A FGCMF funciona de xeito asembleario con tres xuntanzas anuais ordinarias. Desde o 2001 conta cun boletín interno, O Apupo, onde se dá conta da vida asociativa da Federación e que se distribúe en papel, á vez que se colga en internet; e para substituír a publicación bianual que se editaba desde o Encontro de Coruxo, botouse ó mar Ardentía. Revista de cultura marítima e Fluvial, dirixida por Luís Rei, da que saíu o primeiro número en xuño do 2004 co patrimonio inmaterial marítimo e fluvial como tema para así apoiar a Candidatura de “Ponte nas Ondas” das Tradicións Orais Galego-Portuguesas como Patrimonio da Humanidade. En marzo do 2007 apareceu o nº 4, dedicado á muller mariñeira, porque nos mares galegos tamén hai mulleres. A maiores, a web da Federación constitúe hoxe en día un dinámico punto de encontro daquelas persoas interesadas na preservación e activación da cultura marítimo-fluvial.

No 2000 a Federación editou O patrimonio marítimo de Galicia, informe precedido dun marco de actuación no patrimonio (in)mobiliario material e inmaterial. Asemade realizou a exposición "O Patrimonio Marítimo de Galicia", inaugurada no I Salón Náutico de Vigo e que no devalo da primavera do 2001 estivo na illa de Tatihou con motivo da exposición “Vivir no Atlántico norte”, cando esta viaxou a esa illa de Normandía despois de estar no 2000 en Reijkiavik, Bergen e Compostela. A exposición sobre o noso patrimonio marítimo andou logo viaxando por portos e vilas de toda Galicia, mesmo estivo colgada no Museo do Pobo Galego a finais de outubro do 2005; e a día de hoxe, no curso 2006-07, está a navegar polos colexios e institutos de Galicia que a solicitan
A FGCMF está a proxectar unha exposición sobre o patrimonio marítimo-fluvial que se vai centrar nas embarcacións. O obxectivo é mostrar de xeito didáctico a rica tipoloxía dos barcos tradicionais, a súa evolución e uso actual, así como a diversidade de contornos socioculturais e ambientais en que nacen e se desenvolven. Esa exposición quérese que estea presente no vindeiro Encontro de Ferrol e tamén en xullo de 2008 en Brest, na Festa das Tradicións Mariñeiras, onde Galicia é convidada de honra a carón de Noruega, Suecia e Vietnam. Asemade quérese actualizar a exposición O mar, o barco e mais nós realizada cando se fixeron os 10 anos dunha Federación que daquela aínda non era fluvial.
Á parte de potenciar a recuperación e a rehabilitación de moi diversos barcos tradicionais por parte das asociacións federadas, de elaborar informes e exposicións do patrimonio e de difundir o seu valor e o seu deficiente estado de conservación, a FGCMF acode ás manifestacións culturais marítimo-fluviais da Península Ibérica (Portugal, Euskadi, Cataluña e Andalucía) e ás que se realizan noutras zonas, particularmente en Bretaña, como é a bianual festa do mar de Douarnenez, onde foi convidada de honra no 2000, ou a cuatrianual de Brest. Hoxe Galicia está na vangarda da recuperación do patrimonio marítimo-fluvial e é un claro referente para as distintas federacións ibéricas que están a xurdir. Tal como manifestou Staffan Mörling a comezos do 2006, ese traballo "fíxose case canda a Bretaña francesa ou Noruega. Pero non se fixo imitando, senón que se fixo ó mesmo tempo e coa xente nova que estaba especialmente interesada en botar cada día máis dornas"

A FGCMF nunca tivo unha visión nin saudosista nin folclórica do mundo dos mares e dos ríos, senón que sempre os quixo vivos e produtivos. Nunca se pretendeu cantar uns mares e ríos fecundos que xa son historia, senón que nos seus encontros bianuais e nos encontros particulares de cada asociación, nas diversas campañas (é o caso da desenvolvida en 1996 a prol da carpintaría de ribeira), nas publicacións e nas exposicións, a FGCMF trata de valorizar a herdanza recibida para lle engadir novas e frutíferas achegas, sempre en contacto coas xentes do mar.
Arelamos que non decaia a constante e desinteresada entrega das persoas que participan nas diversas asociacións, porque isto é fundamental para o actual movemento de recuperación, revitalización e socialización do patrimonio (in)material marítimo e fluvial da Gallaecia. Se na súa defensa o vento vén de proa, teremos que bolinar (ou voltaghear, por usar un termo dos vellos patróns); e se temos que perder moito tempo bolinando, "entón cumprirá baixar a vela e botar man dos remos”, como dicía Castelao en Sempre en Galiza.

Con vento portante ou sen el, veleando ou vogando, nós outros seguiremos a travesía comezada polos pioneiros da dignificación das embarcacións tradicionais e da súa cultura, téndomos sempre presente que o importante non é tanto arribarmos á soñada Ítaca, que para a xente da FGCMF é a plena socialización e posta en valor dun inmenso patrimonio que forma parte da singularidade cultural de Galicia, senón que, como Kavafis, cremos que o realmente importante é a viaxe e as experiencias vividas en cada singradura.

Francisco Fernández Rei
(Vicepresidente da FGCMF)


Destacamos


Comentarios recentes

Mostra de imaxes

Patrimonio4

Enlaces

Subscribir

Distribuir contido

Apoiamos