Presentación do libro "Xentes do mar do Grove"

Xentes do mar do Grove
 

Sotelo Blanco Edicións publica "Xentes do mar do Grove", de Olegario Sotelo
Blanco, con fotografías de Xurxo Lobato.

Un libro dedicado á xente do mar do Grove que tenta dignificar uns homes e mulleres que cos seus traballos e esforzos sacaron esta parte da nosa Terra
adiante.
Velaquí algunhas historias de homes e mulleres do mar do Grove. Os mariñeiros que saían ao mar nas súas dornas realizaron un duro traballo que sufriu moi poucas variacións ao longo dos séculos, e estes non son tempos que premien os grandes sacrificios precisamente. Aínda así, estes mariñeiros séntense orgullosos de ser dos poucos que aínda traballan na súa dorna, unha embarcación case tan antigua coma o seu propio oficio.
O Grove é unha das últimas zonas onde aínda un pode atopar estes auténticos lobos de mar e mergullarse, xa que logo, na súa memoria, que contén
un patrimonio de incalculable valor para todos nós. Porque eles son os últimos da súa estirpe, son historia viva do noso país, e só os seus testemuños
directos poden deixar constancia desta centenaria tradición, por desgraza, a piques de desaparecer da nosa Galicia costeira.
No Limiar, realizado polo académico Francisco Fernández Rei, Vicepresidente da FGCMF, di: "A
presente obra é, ante todo, unha homenaxe á xente do mar do Grove, esa inmensa illa unida á terra do Salnés polas dunas da Lanzada e do Vao, cun amplo porto onde harmonicamente conviven dornas polbeiras (e algunha meca), barcos mexiloeiros, modernos catamaráns e embarcacións tradicionais de pesca recuperadas para o turismo náutico".
Este libro ten como complemento as fermosas fotografías que Xurxo Lobato fixo ás dornas de Aguiño, ós barcos da ACD Dorna da Illa de Arousa e ás dornas e regatas dos Amigos da Dorna Meca.

O acto terá lugar este venres día 30 no Museu do Salazón do Grove, en Punta Moreiras ás 20 horas.