As marcas dos mariñeiros da Guarda. Exposición

Ata o 5 de xaneiro pode verse a exposición As marcas dos mariñeiros da Guarda, organizada pola Asociación Naturalista "Baixo Miño" (ANABAM), na rúa Calvario 44, A Guarda, tódolos días laborais, das 11,30 ás 13.00 horas e das 16,30 ás 18,30 horas. Esta asociación ven traballando no estudo, recuperación e difusión das marcas desde finais dos anos 80 do pasado século, e en 1995 editou o libro As marcas dos mariñeiros da Guarda, escrito por Antón Ferreira Lorenzo. Esta exposición é un paso previo a unha nova edición actualizada deste libro.

As marcas son o sistema que usaban antigamente os mariñeiros da Guarda para marcar os aparellos e útiles de pesca en xeral (remos, timóns, achicadeira, etc.) e tamén pertenzas domésticas (incluída a porta da casa). As marcas identificaban a unha persoa ou familia e eran herdadas dentro do grupo familiar.

As marcas da Guarda son similares ás marcas poveiras, onde se usaban do mesmo modo que na Guarda, nada extraño sabendo os vínculos de sempre entre as dúas comunidades mariñeiras.

A imaxe de arriba mostra un punzón para facer costuras ou armar aparellos, coa marca do seu antigo propietario, que está depositado por ANABAM no Museo do Mar da Guarda.

(Vía Infogauda)