Que Veremos no VIII Encontro de Ferrol?

Realmente, o Encontro en Ferrol non comezará propiamente o día 5 de xullo, como está recollido no programa, senón que, polo menos dúas semanas antes, as tripulacións do sur de Galicia e Portugal prepararánse para realizar unha grande travesía "en conserva" cara o norte, ao longo de toda a costa do noso país. Día a día irán arribando aos diferentes portos onde previsiblemente lles collerá a noite.

Sairán barcos de Portugal xuntándose cos das rías de Vigo, Pontevedra, Arousa, ..., recalando en Muros ou Lira, Muxía, Camariñas, Laxe ou Malpica, recollendo despois aos da Coruña e da ría de Ares, ata que o xoves, 5 de xullo, farán a súa entrada na ría de Ferrol; por terra chegarán as embarcacións que, polo seu pequeno porte, non poidan facelo por mar.

É moi importante subliñar que, como ven sendo habitual ao longo dos anteriores Encontros, este ano tamén contaremos coa presenza de embarcacións portuguesas, vascas, catalanas, baleáricas, cartaxeneiras, valencianas e andaluzas.

Da Bretaña francesa acudirá La Recouvrance (goleta da cidade de Brest de 42m de eslora) na compaña doutras embarcacións bretonas menores. Unha vez todos na boca da ría, na altura da enseada de Cariño, entre os castelos de San Felipe e A Palma ( magnificas xoias defensivas, propostas dentro da candidatura de Ferrol-Patrimonio da Humanidade), sairemos en navegación recibir aos que veñen de lonxe, enchendo a ría enteira dos diferentes tipos de barcos e velas, camiño da entrada á dársena de Curuxeiras, punto central do Encontro.

A partir deses intres darán inicio as diferentes actividades previstas no programa, a desenvolver no mar e en terra. Coidamos importante salientar as xornadas técnicas sobre construción naval, nas que participarán enxeñeiros, expertos carpinteiros de ribeira e de gálibos. Os museos do mar da franxa costeira que abrangue dende o Miño ata Brest, os artesáns que mostrarán o seu labor, os carpinteiros de ribeira que construirán embarcacións durante os días que duren os encontros, e as empresas, confrarías e librarías que estarán presentes darán conta dos seus saberes e dos seus produtos. A exhibición de aparellamento e de navegación, as travesías e arribadas ás ramplas de Mugardos, O Seixo, Maniños, Barallobre, ..., as regatas de diferentes modalidades e tipoloxías de vela e remo, os paseos náuticos fronte aos estaleiros e o arsenal militar, serán o mellor atractivo para un bo mariñeiro.

A presenza de grupos folclóricos de recoñecida sona, así como actuacións de coros, cuartetos, pasarrúas e bandas, farán dos días e noites ferrolás outra boa escusa para achegarse ata alí. Este será o mellor momento para comprobar que é certo o dito que reza: "Un ferrolán canta ben, dous fan un bo dúo e tres, un orfeón", aceptando desafíos ...

Para repoñernos de tanta emoción gozaremos de suculentos menús mariñeiros elaborados por profesionais acostumados a utilizar os mellores produtos da ría.