O IVº Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, ten lugar no ano 1999 na localidade coruñesa de Rianxo, con protagonismo para a Escola Taller de carpintería de ribeira “Xeiteira” que realiza unha réplica dunha lancha xeiteira e diversas gamelas propias da Ría de Arousa. Esta edición, seguindo a liña iniciada nos anos anteriores, supón un gran esforzo organizativo: festival de música, gastronomía, exposicións, aula do mar, Escola Taller "Xeiteira" de Rianxo, participación do Museo do Mar de Asturias, e conta coa presenza dunha delegación de Douarnenez (Francia), que ven a presenzar ós encontros e estableceron as bases do irmanamento de Rianxo coa vila bretona.
No ano 2000, a vila de Doruarnenez nomea a Galicia como convidados de honra desa edición francesa, un proxecto coordinado pola FGCMF en colaboración coa Xunta de Galicia a través da Consellería de Pesca e a Secretaría Xeral de Relacións coa Unión Europea e Acción Exterior onde se ensalza a cultura marítima de Galicia dende unha óptica ampla, viaxando ata Francia unha delegación de máis de cen persoas que durante sete días amosaron aspectos como embarcacións tradicionais, carpintería de ribeira, cestería, patrimonio etnográfico, gastronomía, música tradicional, turismo náutico, etc.
Para a ocasión a FGCMF desprazou ata Douarnenez un total de dez embarcacións representativas das diferentes tipoloxías. A prestixiosa revista Chasse-Maré resume á delegación galega en Douarnenez como “exquisita representación do patrimonio marítimo galego en terra, e fenomenais manobras das embarcacións no mar”. A edición de Douarnenez confirma a presenza da FGCMF nos circuítos internacionais, sendo recoñecido o seu labor polas principais federacións e entidades de cultura marítima de toda Europa, e abre unha nova etapa para a Federación e para os eventos a organizar a partir deste intre.







