No ano 1995, atendendo ó caracter bianual dos Encontros iniciados no 93, convócanse o II Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia na localidade de Coruxo (Vigo), organizado polo C.R.A.C. de Coruxo e o Grupo Etnográfico “A Buxaina”, onde se realiza unha exposición de construción naval e sobre cultura marítima, iniciándose tamén a publicación da revista dos Encontros que terá continuidade nas vindeiras edicións, marcando o inicio da realización de estudos e publicacións como o libro "Galeóns de Arousa" editado polo Grupo Etnográfico Mascato da vila de Cambados, así como a revista "Relinga" da Asociación Lajareu por Barlovento de Ribeira.
Durante a celebración dos encontros, ten lugar un ciclo de conferencias sobre a pesca tradicional, a industria conserveira e unha mesa redonda sobre a recuperación de embarcacións tradicionais con participación da Escola de Enxeñería Naval de Ferrol, Museo do Pobo Galego e etnógrafos procedentes de Portugal.
Na programación tamén se desenvolven distintos talleres sobre velaría, artes de orientación tradicional no mar e a pesca tradicional en Coruxo.
No ano 1996 a FGCMF acode a Brest con embarcacións recuperadas polas diferentes asociacións ("buceta" de Poio, "dorna trasmalleira" de Ribeira, "dorna meca" do Grove, "gamela" de Coruxo) así como tamén da Escola Taller de carpintería de ribeira de Marín (bote polbeiro de Bueu e lancha xeiteira), incrementando considerablemente a representación galega, e poñendo de manifesto, no maior escenario de cultura marítima europea, a riqueza do patrimonio marítimo de Galicia.







