Ribeira 93

Ilusionados coa experiencia bretona convócase o I Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia na localidade de Ribeira; a este primeiro encontro organizado pola Cofradía da Dorna de Ribeira asisten unha vintena de embarcacións recuperadas pola carpintaría de ribeira de Marín “ A Aixola” e de outras asociacións, e danse a coñecer diversas dornas procedentes das Rías Baixas, unha lancha xeiteira, unha gamela de Coruxo, un bote polbeiro, un bote de Rande ou unha gamela de Cabo de Cruz.

Durante estes primeiros Encontros celébranse distintas exposicións de maquetismo naval, carpintería de ribeira e fotografía marítima, e organízanse talleres didácticos de cordelería ou artes tradicionais de pesca como o “meio mundo”.

A estes primeiros encontros asisten o Museu de Etnografía Marítima de Povoa do Varzím (Portugal), quen participa cunha “lancha Poveira”, exposición e conferencias sobre o proceso levado a cabo para a recuperación desta tipoloxía de embarcación tradicional portuguesa. O Encontro serve tamén como escenario para a publicación do libro “Refraneiros Populares do Mar en Galicia” realizado polo Museo do Pobo Galego.

Esta concentración supón un pulo importante da creación de novas asociacións que dan lugar ó nacemento da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (FGCMF) como instrumento básico para a conservación, investigación, recuperación e revalorización da cultura e o patrimonio marítimo de Galicia.