Ferrolterra Marítima

Galicia, situada na extremadela occidental da Península Ibérica, ten os camiños do mar sempre abertos, pois se para algúns esta terra é o Finis Terrae, para moitos, os que veñen de Alén Mar, Galicia é a Prima Terra. A ría de Ferrol é unha das pequenas de Galicia, a penas vinte e seis Km. cadrados de lámina mariña, espazo reducido no que se agrupa unha poboación de cento cincuenta mil persoas.

Estas augas interiores ferrolterrás, enmarcadas polas latitudes 43º 27’/ 43º 31’ Norte e lonxitudes 8º 09’/ 8º 21’ Oeste, orientadas dende o Nordeste cara o mar aberto ao Sudoeste a través dunha estreita boca, están envoltas polas ribeiras dos concellos de Mugardos, Fene e Neda na banda sur, e as de Ferrol e Narón na norte. A ría está protexida polos montes de Coto, Pedroso, Balón, Chamorro, Ancos, Marraxón, Romariz, Prismos e Montefaro como máis destacados, abríndose ao interior polos vales dos ríos Xubia e Belelle.

Non só pola xeografía, senón tamén pola vocación profesional, Ferrolterra está vencellada "a los oficios de la mar" dende as orixes, extremo demostrado polos estudos de arqueoloxía castrexa e as escavacións realizadas no xacemento tardorromano de Noville, costa de Mugardos cara a O Seixo. Por non ir tan atrás (e por non cansar) lembremos só que o concello de Neda ten no seu escudo barcos e cadeas por mor da súa participación na conquista de Alxeciras no ano 1344; recordemos que entre os "maos usos e abusos" da casa de Andrade sobre os veciños de Ferrol no século XV estaba a percepción de rendas polas naos que á ría chegaban, ou que nun edificio da fachada portuaria de Mugardos destaca o escudo da Casa da Serea.... A fins do século XVI, reinando Felipe II, a ría ferrolá gañou importancia como avanzada náutica e militar cara a Inglaterra e ao Océano, sendo daquela cando levantaron as primitivas fortificacións de San Martiño, A Palma e San Felipe. No século XVII Ferrol, Mugardos e Neda eran vilas semellantes, mariñeiras e de poboación escasa, habendo outros núcleos cativos no Seixo e arredor da ponte de Xubia. E despois pasaron cen anos.....

Como sabemos, foron as condicións estratéxicas das costas ferrolás as que motivaron que no ano 1726 fora escollida esta ría como cabeceira do "Departamento Marítimo del Norte" para a construción dunha base naval, estaleiros e arsenais, obras comezadas na Graña no ano 1727, e máis principais no Esteiro de Ferrol dende o 1750 en diante. A bisbarra pasou acoller miles de persoas ao chamado do traballo na construción dos estaleiros, dos buques e da "Nueva Población" de Esteiro e da Madalena: canteiros, albaneis, soldados, mariñeiros da Armada, persoal da Maestranza, enxeñeiros,..., e tamén traballadores forzados e "vagamundos que se han de aplicar al trabajo de los arsenales queriendo el Rey sea por cuatro años".

Houbo un tempo (1750) no que Ferrol con A Graña tiña 48 barcos de pesca, Neda 11, Perlío 10, Barallobre 13, Maniños 8, O Seixo 7 e Mugardos 65, cifra esta última destacada sobre as outras pola cantidade de fábricas de salgado de peixe que instalaran en Mugardos os "fomentadores" cataláns, como mugardés era no 1811 o barco corsario "Tigre", un falucho de 50 toneladas. Aos poucos, esa vocación náutica, inicialmente só pesqueira, medraba, variaba, especializábase e tecnificaba (Frei Martín Sarmiento no 1745 xa definira Ferrol como "una isla científica en la Europa") co crecemento dos estaleiros estatais, as importantísimas innovacións técnicas que aquí se desenvolveron, novos sistemas de construción de buques, o magnífico obradoiro de instrumentos náuticos do señor Baleato, a "casa de bombas de vapor" instalada no Arsenal no 1795, ..., e pola cualificación do persoal da Armada e da Mestranza, toda a "xente dos oficios": ".... delineantes e capataces, contramestres de construción e arborado, os carpinteiros de ribeira e do branco, os calafates, fabricantes de enxarcias e lonas, construtores e axudantes, ademais dos ferreiros, armeiros, escultores, operarios de vela, serradores, faroleiros, pintores, canteiros, ..." , por xunto 5.080 homes no ano 1769 e 5.438 no 1793, veciños non só de Ferrol senón, como segue sendo agora, de toda Ferrolterra.

No século XIX o sector da gran construción naval empregaba miles de operarios aos que sumar na volta da ría os mariñeiros, mestres e oficiais dos buques da Armada, a xente dos demais traballos vencellados a unha e outra actividade marítima: pescadores, operarios dos estaleiros privados d’A Cabana e d’a Graña e das carpinteirías de ribeira, mulleres das fábricas de salgado de peixe e dos obradoiros de redes de Mugardos, tripulantes das lanchas de pasaxe e da cabotaxe, .... E lembremos a PYSBE, que deu traballo na pesca e salgado do bacallau dende o ano 1945 ao 1973, ou a "Peninsular Maderera", proveída de madeiras tropicais por vía marítima, ou as "compañías auxiliares" dos grandes estaleiros, ......; En paralelo, a pequena construción naval pulaba e mantiña as chalanas e os característicos cascos de media construción, en convivencia cos botes "redondos", as lanchas de pesca, a influencia por cascos e aparellos propios do Cantábrico e das costas levantinas, as "balleneras" e "falúas" da Armada. Con todo medraron xeracións con elevada formación técnica, afeitas ao traballo no sector público ("traballar no estado"), dun destacado activismo sociopolítico e cunha mentalidade pragmática impregnada de racionalismo, catro elementos máis para definir Ferrolterra. E ata hoxe, combinando a modernidade coa tradición.