Poio 01


A edición do Vº Encontro 2001, na localidade pontevedresa de Poio, supuña un gran reto para a FGCMF, polas altas expectativas creadas pola delegación galega en Douarnenez 2000, así como pola presenza de proxectos de primeira magnitude que afectaban directamente ó Encontro como foi o caso do esbozo Sant Eflam, unha aventura marítima que tenta recuperar os aspectos culturais das rotas dos antigos monxes celtas navegando en barcos de coiro “courrags”, con partida dende Irlanda, pasando pola Bretaña e País Vasco, e terminando en Galicia.

A cita galega, organizada nesta ocasión polo Clube Mariño A Reiboa, en colaboración coa asociación de veciños Boureante e o Concello de Poio, consolídase como punto de encontro obrigado tanto a nivel nacional como internacional, con presenza de barcos de toda Galicia, Pais Basco, Portugal, Francia ou Irlanda, e convértese no acto de cultura marítima máis populoso celebrado en Galicia, de xeito que os encontros culminan así un dos seus principais obxectivos, a difusión, fomento e socialización da cultura do mar.

Como reflexión final, na última década aumentou o número de embarcacións tradicionais, potenciouse a navegación nos eidos deportivos e lecer, e así mesmo, danse os primeiros pasos para un aproveitamento turístico dende o respecto á natureza e tomando a cultura marítima como referente, se ben estes procesos de revitalización temos que consideralos aínda incipientes e fráxiles, por iso dende a FGCMF se segue a traballar para acadar un maior apoio das administracións, entidades, axentes locais e a cidadanía en xeral, confiando en que coa inercia das asociacións e a sintonía existente no marco atlántico a prol da cultura marítima, poidese acadar un futuro máis estábel para o acervo cultural do litoral europeo.