Historia dos Encontros

Se facemos un breve repaso histórico, os primeiros movementos a prol da cultura marítima prodúcense dun xeito espontáneo na Illa de Arousa, onde esperta en Galicia un movemento xuvenil que rexeita a queima xeneralizada das dornas nas tradicionais cacharelas de San Xoán, o abandono de aparellos nas praias ou a desfeita das vellas velas. Aparellando unha ducia de dornas, e conxuntamente con outras de Ribeira, O Grove, Vilanova ou A Pobra do Caramiñal, conseguen organizar a I Volta a Arousa, a decana das regatas de dornas das moitas que se celebran espalladas por toda a costa galega. Esta experiencia de recuperación das dornas, marca o camiño para acometer a recuperación doutras tipoloxías de embarcacións tradicionais non menos interesantes como as gamelas, os botes polbeiros, as bucetas, galeóns, etc. Retómase deste xeito as tradicionais concentracións e regatas que xa no século pasado, e ata os anos cincuenta, decoraban os días de festividade durante o estío: concentracións de galeóns na Toxa ou Vilagarcía, regatas de dornas a remos en Cambados ou O Grove, de botes en Carril e Ferrol, etc


Tamén é a na Ría de Arousa onde se promove no ano 1987, en colaboración coa Universidade Popular do Salnés, un curso de formación en técnicas de construción de dornas impartido polo mestre Santiago Cores, no que se recolle o "reto" da Consellería de Pesca de realizar un proxecto encamiñado á formación de profesionais para a recuperación do oficio de carpinteiro de ribeira e a revitalización dos talleres artesanais como estratexia de emprego dende unha nova perspectiva, a da potenciación da cultura como elemento dinamizador das comunidades locais.
No ano 90, este proxecto consolídase e dá pé para que comece a funcionar en Marín a Escola Taller “A Aixola”, especializada nun módulo formativo de carpintería de ribeira, a primeira destas características en Galicia, onde 60 alumnos se forman nas especialidades de construción naval tradicional, novas técnicas de velaría e cabullería, e onde son construídas e recuperadas embarcacións xa desaparecidas como o "bote polbeiro" de Bueu, "gamela" de A Garda, "lancha de relinga" así como distintos tipos de gamelas.

Dende a Escola divulgase o exemplo da Illa, como experiencia positiva para as asociacións xuvenís, conseguíndo que a Consellería de Pesca destine unha partida orzamentaria para subvencionar proxectos de recuperación de embarcacións tradicionais. A Escola viaxa e participa en "Lisboa Capital do Artesanado", e no festival de embarcacións tradicionais de Brest conxuntamente coa asociación Real e Ilustre Cofradía da Dorna de Ribeira. Estas experiencias no exterior serven de exemplo para aprender doutros lugares, como a Bretaña, onde se desenvolven accións a prol da conservación do patrimonio marítimo co funcionamento de museos, escolas de vela, organización de eventos de ámbito internacional, edicións de revistas especializadas, etc., en definitiva unha xestión do patrimonio marítimo considerada como un recurso de primeira magnitude que xera numerosos ingresos e postos de traballo.