Información Xeral
Ferrol, cidade da mar
Podemos rastrexar a tradición navegante galega dende os barcos do coiro do heroi Breogán, e despois as naos noiesas e betanceiras medievais no comercio ata Londres, aquelas outras na ruta das Indias, ... pero debemos achegarnos á Galiza mariñeira do século XVIII para atopar cambios ben apreciabeis, uns autóctonos, os máis derivados da instalación dun Arsenal na ría de Ferrol (estaleros, baterías de costa, castelos, novas ideas, novedosas técnicas construtivas, ...) e pola chegada de vascos, ”oficiales de los oficios” nos estaleiros e de cataláns, “fomentadores” da salga: dos primeiros coñecéronse os cascos biscaíños precedentes das bucetas e das traíñas, os segundos trouxeron con eles novas técnicas empresariais, embarcacións e artes de pesca mediterráneas; establecéndose nos dous casos relacións de intercambio demográfico, económico e cultural a todo longo do Cantábrico e cara ao Mediterráneo.
Cen anos despois convivían nas nosas costas as embarcacións tradicionais e as importadas, entre estas algunha que viñera de Alén Mar: eran as gamelas, dornas, lanchas volanteiras, do xeito e da xábega e de relinga, balandros, caiumbos, barcazas, botes, gabarras, trincados, chalupas, pataches, racús, pinazas, pailebotes, polbeiros, chalanas, canoas, faluchos, menuetas, barlotes, traíñas, caiucos, galeóns, chinchorros, bateis ..., con eles os últimos grandes veleiros da carreira de América e os primeiros vapores. A pouco, comezando o século XX, tiveron a compaña do fume das chemineas de máquinas alternativas, as sereas de bakas, boniteiras, bous ou tarrafas, movidas por carbón e que esculcaban novos e arredados caladoiros.
Dese tempo en diante os cambios tecnolóxicos e sociais conduciron á desaparición de moitas embarcacións clásicas, patrimonio común que moitos desexamos sexa conservado, especialmente dende os anos setenta da última centuria da man das aceleradas transformacións das infraestruturas terrestres, dos cambios na poboación e na sociedade, foron indo ao desmantelamento e ao desguace case todas as embarcacións antigas, tamén pola irrupción no eido da grande ou pequena construción naval e de materiais (aluminio, plásticos), formas (dobre casco, popa cadrada), propulsión (turbinas, hydrofoil), polos novos trebellos de seguridade imprescindíbeis para navegar autorizadamente (sonda, GPS), polos cambios de dominio das instalacións portuarias, polas normas que veñen da Unión Europea ...
Mais tamén, en diferentes recantos da costa galega, particulares e asociacións teimamos en manter a tradición navegante, das antigas ou reconstruidas embarcacións tradicionais, celebrando concentracións, exposicións e regatas, nunha dinámica que comezou no sur da Galiza, coallou na Federación Galega pola Cultura Marítima á que se incorporaron ferrolterráns coa forza propia desta terra, e entidade que dende 1993 celebra uns Encontros bianuais que pasaron ser da beiramar e de ámeto galego a fluviais e internacionais.
Nesta altura, o Club do Mar de Ferrol ofrecese a organizar nas augas da súa ría o VIIIº Encontro de Embarcacións Tradicionais a celebrar no verán do 2007.












