Todos os ollos estaban postos no Golfo Ártabro. O equipo do Club de Mar de Ferrol poñía a ilusión e o esforzo para acoller os centos de navegantes e de embarcacións que porían o acento e a atención no peirao de Curuxeiras dese Ferrol Vello. A cousa estivo movida .
Desde o xoves embarcacións das Rías, Baixas e Altas, e de mares de algo máis lonxe arribaron á Cidade do Mar. Durante os catro días de Encontro o peirao de Curuxeiras desbordaba actividade. O Pavillón dos Museos era a antesala ó embarque no vapor Hidria II. Neste pavillón houbo unha boa mostra de museos da costa atlántica e cantábrica actuando como anfitrión o Museo do Mar de Galicia. O espectáculo das cabrias foi unha magnifica mostra de xeitos do facer mariñeiro. Os pavillóns repartidos polo paseo con obradoiros para nenos e maiores, ou o cine na rúa, eran viva mostra da boa saúde que goza a
nosa Gran Festa da Cultura Marítima e Fluvial.
Portugueses, cataláns, vascos, andaluces, cartaxeneiros, menorquíns, franceses, holandeses, noruegueses, canadenses, portugueses das Açores galegos dos ríos e das rías, (e quen sabe máis) xentes que, relacionadas co medio acuático, foron testemuña e parte desa historia.
Ocupando o paseo do peirao, tivémo-la sorte de gozar do bo facer de redeiras, carpinteiro de ribeira, cesteiro, cabulleiro, e a fermosa exposición da SGHN. A sala de exposicións da Autoridade Portuaria acolleu unha mostra de maquetismo naval dos artesáns locais.
Xornadas Técnicas
Coordinadas polo Museo do Mar de Galicia, especialistas en tódolos eidos do mar, dos barcos e das súas xentes, expuxeron e compartiron opinións e coñecementos... Tratouse da lexislación relativa ás embarcacións tradicionais, no que respecta ós trámites relacionados coa súa recuperación, eludir desmantelamentos que se impoñen como trámite ou a chamada ‘Carta de Barcelona’.
O desenvolvemento das Xornadas Técnicas tivo lugar a bordo do vapor Hidria II os días 5 e 6 de xullo. Na memoria quedarannos a defensa coherente do noso patrimonio amosada por Dionisio Pereira, a sutil expresión de Stafan Mörling, o coñecemento acendido de José A. Apraitz “Koiote”, as experiencias dos nosos colegas franceses e do Maritime Heritage... E dos nosos sempre presentes.
Presentación de Brest 2008
No mediodía do sábado 7 de xullo a tripulación da goleta de aviso ‘La Recouvrance’, que é a embaixada do Concello de Brest (toma o nome do mais célebre barrio mariñeiro desa vila bretona), recibía a bordo os convidados á presentación de Brest 2008. No acto interviron membros da organización de Brest, da Consellería de Cultura e Deporte e da propia FGCMF.
Encontro Aberto de Bloggers de CMeF
Contibuiron á difusión pola rede deste VIII Encontro e tamén encontráronse, por fin cara a cara e ó natural, varios dos responsables de difundir a cultura mariñeira ó longo de todo o ano nos seus respectivas páxinas, blogs, portais. Cordinados polos mestres deste portal cada un presentou o seu traballo ós demáis comentando como lle iba, como facía, como lograba que participasen e visitasen as páxinas e sobre todo como se percibía a súa trascendencia. As paradoxas: Internet é internacional, pero os mellores resultados estaban no entorno inmediato; a madeira, a brea e o alquitrán non son incompatibles coa lixeira virtualidade das páxinas web. Participación, mais ou menos a prevista, e algúns máis que pouco sabían de internet, pero aprender, aprendimos todos. (Resumo do evento )
Navegación
Os pantaláns eran un fluír de culturas e tipoloxías: dornas, botes, bucetas, catraias, traiñeiras, bateis, carochos, canoas, gamelas… tx, ze, nh, ng, ç, els, nos, baixaban e subían carros, remolques e embarcacións ávidas de facer bordos pola Ría, de ver o Ferrol Vello dende o mar e de cruzala, como o fai o barco de pasaxe para probar o famoso polbo á mugardesa.
O sábado a partir das 11 da mañá o desfile de velas e tipoloxías foi un fermoso espectáculo primeiro a remo, ata que chegou o ventiño coa sobremesa. Durante a tarde os amarres estaban practicamente baleiros. Daba gusto!. Velas de relinga, latinas, guairas, cangrexas... remos, cores e ledicias mesturábanse ó compás do vento. Da Graña a Caranza e de Barallobre ós castelos, á Ría tinguiuse de velas e vogares.
Manuel Lopes, in memoriam
Tamén tivo un tempo o Encontro para o recordo dun amigo, dun loitador. Na tardiña do venres tomou o escenario da Taberna Mariñeira a presenza de Manuel Lopes. Dende a FGCMF leuse unha sentida mensaxe de lembranza para el, e João Baptista percorreu á súa memoria e seu traballo. Máis coñecido como Manel, foi a alma mater da lancha poveira do alto ‘Fe em Deus’, loitador polas liberdades, home carismático e traballador incansable pola Cultura Mariñeira.
O patrón da ‘Fe em Deus’ recolleu a homenaxe sen poder ocultar a emoción, emoción que se converteu en bágoas no resto dos tripulantes da lancha, que por problemas mecánicos quedou en Fisterra non chegando a tempo para o Encontro.
Barcos singulares
Entre as diversas tipoloxías que se puideron ver por Ferrol, moitas chamaban a atención. Tivemos a presenza do pailebote ‘Nieves’ do 1918, que xunto á Recouvrance, facían destacar a súa arboladura, o motoveleiro de orixe danés ‘Nauja’, clásicos como o Zorba, o Saltillo ou o Arosa, os curiosos “Ouais-Ouais”, “Harlingen” ou o do “irlandés de Redes” o veleiro clásico ‘Sauntress’ construído en 1913.
Destacar calquera tipo de navegación sería unha inxustiza pero chamativa foi a presenza da “Ester”, a baleeira das Açores, de reducida manga e estilizada eslora, mirando para ela non era difícil imaxinar os homes de Pico loitando no seu traballo. Meritorio tamén foi o esforzo por estar con nós do fermoso bote de Mahón o “Delio” recuperado con todo o mimo por Lluis Moll, con máis dun século nas súas cadernas. Foron as últimas incorporacións a esta festa.
Polo palco instalado na Taberna Mariñeira pasaron grupos como ‘Os Cempés’, que segundo a rumoroloxía parece que non se dan decidido a retirarse do mundo da farándula, ‘Toxos e Froles’, MacFeck, Raparigos, as Caboverdianas de Burela “Batuko Tabanca”, e as nosas Malvelas. A animación na rúa foi continua con actuacións de ‘Os Estrobos’ ou a Banda Municipal de Ferrol. Ademais das actuacións programadas, os tripulantes de Albaola non tiveron trabas á hora de armar unha foliada en calquera momento, como ten que ser!. Sen esquecer os Reales e Ilustrados da Confraría da Dorna que, ghaita ó lombo e armados de tamboril e cunchas, dixeron que tamén estaban alí. Non fallaron as pandeiretas da Arousa, as gaitas de A Coruña nin outros que por alí estiveron dispostos a pasalo ben. Se cadra botouse en falta o famoso “Orfeón Ferrolán”, unha mágoa, é que orghanizar é cansado.
Trofeos e despedida
O domingo nas facianas o cansazo e a tristura de que isto rematou. A “Calmoseira” dende Cambados, pendurado do pau dunha dorna agasallou os alí presentes cun barril de Albariño dos de antes e que sabe ben agora. Xa ameazaran.
Despois de xantar chegou o momento do acto de clausura do VIII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia Ferrol 2007. Houbo mención para todas as asociacións, para as embarcacións presentes no Encontro, para as entidades colaboradoras... E subiron a cantar o grupo da sección de embarcacións tradicionais do Club do Mar, responsables de que cada cousa puidera ser realizada. De alí cada un para a súa casa, marchamos con un bo sabor de boca, coa imaxe da Ría de Ferrol na retina, con gañas de volver (que volveremos) e xa pensando no IX Encontro, que o tempo voa e xa está á volta da esquina.














