Rumbo Norte... e avante!

Fernando Piñeiro Oubiña

Presidente da FGCMF

Saudo e Convite

Bernardo Máiz Vázquez

Presidente do Club do Mar Ferrol

Rumbo Norte... e avante!

Xa chega un novo Encontro, sereno e ledo. Sereno, pola conciencia tranquila de termos cumprido coa herdanza recibida das anteriores edicións, e ledo, por encararmos o Norte.
Desde hai anos, celebrar un Encontro na Galicia Norte era unha fonda arela, que vai ser unha realidade en xullo do 2007. Non se trata só dun cambio climático, senón máis ben da constatación da evolución climática da FGCMF. A calor da nosa cultura marítima (e fluvial) paseniñamente chega a porto pola Coruña, pola Ría de Ares e recala ¡xa era hora! no Ferrol dos "nachos", das velas e do recordo, para moitos, do lepanto.

Moitos pasaremos polo illote da Marola (e con ela pasaremos o o mar todo) rumbo a Ferrol, onde nos encontraremos cos que cheguen do Cantábrico e de Bretaña, despois de pasaren os imponentes Aguillós do Ortegal na súa travesía ata o peirao das Curuxeiras para participar nun Encontro marcado inevitablemente pola cita da FGCMF e de Galicia na vila bretona de Brest, dentro dun ano.

Queremos agasallar os nosos convidados do Atlántico e do Mediterráneo coa climatoloxia humana, única e propia dos galegos; e nós tamén gozaremos na compaña de vascos, cataláns, levantinos, murcianos, andaluces, franceses e, especialmente, con eses nosos amigos de abaixo da Gallaecia, cos seus botes cheos de cores e velas ó vento, sempre con rumbo de amizade.

Para a Federación este ano foi de moito movemento. Fixemos unha nova exposición co patrimonio do vento e do sal e achégamonos con novos proxectos á sociedade coa colaboración da administración, para o que foi determinante NaBeira, que está a acadar un elevado grao de difusión e que seguirá despois de Ferrol. E non podemos esquecer as travesías de promoción que estes días se artellan dende as asociacións que moven a moitas persoas, á vez que seguiremos louvando a tarefa das Escolas, grandes e pequenas, que dende as ribeiras do pai Miño ata o litoral seguen a socializar o singular patrimonio marítimo e fluvial dos galegos. Longa vida.

E para rematar, que as vosas quillas saúden o "Cu da Raíña" de lonxe, e que os ledos cánticos das tripulacións esperten o espirito da princesa Mariana de Noeburgo -prendida pola beleza e as xentes do mar de Ferrol- moza disposta e leda (asegún din); e se ela quere, como toda Galicia ou todo aquel que o desexe, que comparta connosco os tan arelados días na ría do Ferrol.

Saúde e Navegación.
Fernando Piñeiro Oubiña

 

Saudo e Convite

Como Presidente do Club do Mar de Ferrol teño a fachenda de que a FGCMF nos concedera a responsabilidade de artellar o VIII Encontro de Embarcacións Tradicionais.Os días 5-6-7-8 de Xullo do 2007 dúcias de embarcacións galegas, asturianas, cántabras, bascas, andaluzas, "cartageneras", levantinas, catalanas, portuguesas, irlandesas, rochelesas, azorianas, ..., encherán as augas, peiraos e ribeiras da ría de Ferrol. En terra, institucións, museos navais e asociacións preocupadas pola etnografía marítima exporán os seus fondos e proxectos, se desenvolverán actividades de divulgación e estudo, ..., mais tamén haberá tempo para a diversión e o lecer.

Convido acompañarnos, e dou a benvida a quen se achegue a Ferrolterra participar no que coidamos será o acontecemento de maior trascendencia da Península Ibérica para o coñecemento e posta en valor do patrimonio marítimo galego e, conxuntamente, do variado e ricaz do arco atlántico europeo.

Bernardo Máiz Vázquez