noraboa

Neste 5 dias de encontros puxestedes a Cambados no punto de mira da Galicia mariñeira, fixestedes posible que a ría se reencontrase coas suas vellas compañeiras (ducias de embarcación a vela) e, por primeira vez, que os mariñeiros tivese un homenaxe sinceiro.
Noraboa membros da Comisión Organizadora
Toño Sineiro

encontros

Ao meu entender, o pouso que debe quedar unha vez rematados os Encontros de Cambados, é de ledicia por ver que as propostas da FGCMF están calando a cada máis en amplos segmentos sociais da nosa beiramar. Eu coñezo algo o mundo mariñeiro cambadés e pódovos dicir que coa xente de mar coa que falei estes días, todos recibiron moi ben as actividades, e estou a falar tanto de coñecidos membros da Confraría como das admirables mulleres de Guimatur, que viñeron con nós no "Nuevo Sofía". E iso é moi importante; como importante foi a diversificación das propostas en terra que, con maior ou menor éxito (algunhas puideron ser mellor aproveitadas), para miña sorpresa fóronse realizando na súa totalidade. Sí, xa sei que o tema da comida puido estar mellor, que nas "vilas" facía un calor abafante e deberían ter mellor sinalización, que o vento asasino do xoves e o venres deixóunos a todos e a todas medio escarallados, que deberíamos ter vendido máis Ardentías para asegurar o seu futuro, que debería haber unha maior ósmose entre os actos culturais en terra e a navegación....Todo iso e moito máis que estou seguro teñen apuntado os organizadores, é certo, pero o sábado á tarde, logo da impresionante saída pola ría, a taberna mariñeira a reventar, unha máis que digna presentación de libros e publicacións, o éxito de público o día anterior con Milladoiro, a xente enchendo o Pavillón na Onda, a carpa dos Artesáns, a exposición de maquetas e cadros dos mariñeiros cambadeses no Pósito ou paseando cheos de admiración polos pantaláns inzados de barcos de fasquías e procedencias múltiples, xunto con outro compañeiro da Illa de Arousa non puidemos máis que dicir: "esto marcha"...
Pois se isto marcha, debémolo aos membros da organización que levaron meses de traballo ímprobo para sacar adiante semellante tinglado e a todas e todos os que de xeito silandeiro colaboraron antes e durante os Encontros.
Nesta hora, a eles e a elas o meu agradecemento; mañá xa haberá tempo para corrixir eivas e superar os VIIºs cos, dende xa, ilusionantes VIIIºs Encontros
.
Dionísio Pereira

ó 100% con Dionisio

O que dí Dionísio é ben certo, ainda que eu estea máis emocionado e o vexa cuns ollos un pouco máis idealizadores, pero o que me jode e me toca o carallo é que me poña a repasar os xornais, xa que durante os encontros nin se me ocorreu, e vexa que ós encontros se lle dea cobertura informativa nas páxinas locais das edicións de Arousa, e que non é o VII Encontro de Embarcacións de Galicia? un evento de envergadura internacional non se merece aparecer nas páxinas da edicións xerais dos periódicos? parece un pequeno detalle, pero son estas cousas as que nos darían o alcance que se merecen estes actos onde non só se implica a xentes e barcos das comarcas onde se celebran, e cando menos nas páxinas de Galicia, ou é que só interesa o reparto das consellerías?...
Do resto cada cal fará a súa valoración pero unha vez máis Gracias e Noraboa polo traballo feito.
Lino Prieto
(Pres. Asociación de Amigos da Dorna Meca)

Opcións de visualización dos comentarios

Seleccione a sua forma preferida de visualización de comentários e clique "Gardar opcións" para activar os seus cambios.