Historia dos encontros

Se facemos un breve repaso histórico, os primeiros movementos a prol da cultura marítima prodúcense dun xeito espontáneo na Illa de Arousa, onde esperta en Galicia un movemento xuvenil que rexeita a queima xeneralizada das dornas nas tradicionais cacharelas de San Xoán, o abandono de aparellos nas praias ou a desfeita das vellas velas. Aparellando unha ducia de dornas, e conxuntamente con outras de Ribeira, O Grove, Vilanova ou A Pobra do Caramiñal, conseguen organizar a I Volta a Arousa, a decana das regatas de dornas das moitas que se celebran espalladas por toda a costa galega. Esta experiencia de recuperación das dornas, marca o camiño para acometer a recuperación doutras tipoloxías de embarcacións tradicionais non menos interesantes como as gamelas, os botes polbeiros, as bucetas, galeóns, etc. Retómase deste xeito as tradicionais concentracións e regatas que xa no século pasado, e ata os anos cincuenta, decoraban os días de festividade durante o estío: concentracións de galeóns na Toxa ou Vilagarcía, regatas de dornas a remos en Cambados ou O Grove, de botes en Carril e Ferrol, etc.

Tamén é a na Ría de Arousa onde se promove no ano 1987, en colaboración coa Universidade Popular do Salnés, un curso de formación en técnicas de construción de dornas impartido polo mestre Santiago Cores, no que se recolle o "reto" da Consellería de Pesca de realizar un proxecto encamiñado á formación de profesionais para a recuperación do oficio de carpinteiro de ribeira e a revitalización dos talleres artesanais como estratexia de emprego dende unha nova perspectiva, a da potenciación da cultura como elemento dinamizador das comunidades locais.

No ano 90, este proxecto consolídase e dá pé para que comece a funcionar en Marín a Escola Taller “A Aixola”, especializada nun módulo formativo de carpintería de ribeira, a

primeira destas características en Galicia, onde 60 alumnos se forman nas especialidades de construción naval tradicional, novas técnicas de velaría e cabullería, e onde son construídas e recuperadas embarcacións xa desaparecidas como o "bote polbeiro" de Bueu, "gamela" de A Garda, "lancha de relinga" así como distintos tipos de gamelas.

Dende a Escola divulgase o exemplo da Illa, como experiencia positiva para as asociacións xuvenís, conseguíndo que a Consellería de Pesca destine unha partida orzamentaria para subvencionar proxectos de recuperación de embarcacións tradicionais. A Escola viaxa e participa en "Lisboa Capital do Artesanado", e no festival de embarcacións tradicionais de Brest conxuntamente coa asociación Real e Ilustre Cofradía da Dorna de Ribeira. Estas experiencias no exterior serven de exemplo para aprender doutros lugares, como a Bretaña, onde se desenvolven accións a prol da conservación do patrimonio marítimo co funcionamento de museos, escolas de vela, organización de eventos de ámbito internacional, edicións de revistas especializadas, etc., en definitiva unha xestión do patrimonio marítimo considerada como un recurso de primeira magnitude que xera numerosos ingresos e postos de traballo.

Os encontros dende o ano 1993:

ilusionados coa experiencia bretona convócase o I Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia na localidade de Ribeira; a este primeiro encontro organizado pola Cofradía da Dorna de Ribeira asisten unha vintena de embarcacións recuperadas pola carpintaría de ribeira de Marín “ A Aixola” e de outras asociacións, e danse a coñecer diversas dornas procedentes das Rías Baixas, unha lancha xeiteira, unha gamela de Coruxo, un bote polbeiro, un bote de Rande ou unha gamela de Cabo de Cruz.

Durante estes primeiros Encontros celébranse distintas exposicións de maquetismo naval, carpintería de ribeira e fotografía marítima, e organízanse talleres didácticos de cordelería ou artes tradicionais de pesca como o “meio mundo”.

A estes primeiros encontros asisten o Museu de Etnografía Marítima de Povoa do Varzím (Portugal), quen participa cunha “lancha Poveira”, exposición e conferencias sobre o proceso levado a cabo para a recuperación desta tipoloxía de embarcación tradicional portuguesa. O Encontro serve tamén como escenario para a publicación do libro “Refraneiros Populares do Mar en Galicia” realizado polo Museo do Pobo Galego.

Esta concentración supón un pulo importante da creación de novas asociacións que dan lugar ó nacemento da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (FGCMF) como instrumento básico para a conservación, investigación, recuperación e revalorización da cultura e o patrimonio marítimo de Galicia.

No ano 1995, atendendo ó caracter bianual dos Encontros iniciados no 93, convócanse o II Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia na localidade de Coruxo (Vigo), organizado polo C.R.A.C. de Coruxo e o Grupo Etnográfico “A Buxaina”, onde se realiza unha exposición de construción naval e sobre cultura marítima, iniciándose tamén a publicación da revista dos Encontros que terá continuidade nas vindeiras edicións, marcando o inicio da realización de estudos e publicacións como o libro "Galeóns de Arousa" editado polo Grupo Etnográfico Mascato da vila de Cambados, así como a revista "Relinga" da Asociación Lajareu por Barlovento de Ribeira.

Cartel dos II Encontros
Cartel dos II Encontros

Durante a celebración dos encontros, ten lugar un ciclo de conferencias sobre a pesca tradicional, a industria conserveira e unha mesa redonda sobre a recuperación de embarcacións tradicionais con participación da Escola de Enxeñería Naval de Ferrol, Museo do Pobo Galego e etnógrafos procedentes de Portugal.

Na programación tamén se desenvolven distintos talleres sobre velaría, artes de orientación tradicional no mar e a pesca tradicional en Coruxo.

No ano 1996 a FGCMF acode a Brest con embarcacións recuperadas polas diferentes asociacións ("buceta" de Poio, "dorna trasmalleira" de Ribeira, "dorna meca" do Grove, "gamela" de Coruxo) así como tamén da Escola Taller de carpintería de ribeira de Marín (bote polbeiro de Bueu e lancha xeiteira), incrementando considerablemente a representación galega, e poñendo de manifesto, no maior escenario de cultura marítima europea, a riqueza do patrimonio marítimo de Galicia

Celébrase en O Grove o III Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia da man da Asociación Dorna Meca, no que ademais das exposicións sobre patrimonio marítimo, inclúense exposicións sobre ecosistemas de litoral coa colaboración da Facultade de Biolóxicas de Santiago de Compostela, a Escola Naval de Marín e o Centro de Interpretación “A Siradella” do Grove, obradoiros para rapaces de cabullería e medio ambiente, así como unha demostración de rescate marítimo co emprego de embarcacións tradicionais, aumentando o campo de actuación da FGCMF e dimensión dos propios encontros. Publícase tamén a revista do Encontro e o libro "Caderno de a bordo" do grupo Etnográfico Mascato.

Cartel III Encontro

O Encontro do Grove desenvolve a terceira mostra sobre gastronomía do mar baixo o lema “Comer do Mar” que serve como guía gastronómica do litoral galego.

O elevado número de embarcacións participantes, permite constatar o auxe na recuperación de embarcacións tradicionais así como o aumento de asociacións de cultura marítima, asistindo representantes de Portosín, Redondela, Combarro, Carril, Cambados, Ferrol, Marín, Bueu, Cangas, Portonovo, Ribeira, Aguete ou Cabo da Cruz, así como de Esposende, Povoa do Varzím, Setubal e Porto pola banda portuguesa.

O IVº Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, ten lugar no ano 1999 na localidade coruñesa de Rianxo, con protagonismo para a Escola Taller de carpintería de ribeira “Xeiteira” que realiza unha réplica dunha lancha xeiteira e diversas gamelas propias da Ría de Arousa. Esta edición, seguindo a liña iniciada nos anos anteriores, supón un gran esforzo organizativo: festival de música, gastronomía, exposicións, aula do mar, Escola Taller "Xeiteira" de Rianxo, participación do Museo do Mar de Asturias, e conta coa presenza dunha delegación de Douarnenez (Francia), que ven a presenzar ós encontros e estableceron as bases do irmanamento de Rianxo coa vila bretona.

No ano 2000, a vila de Doruarnenez nomea a Galicia como convidados de honra desa edición francesa, un proxecto coordinado pola FGCMF en colaboración coa Xunta de Galicia a través da Consellería de Pesca e a Secretaría Xeral de Relacións coa Unión Europea e Acción Exterior onde se ensalza a cultura marítima de Galicia dende unha óptica ampla, viaxando ata Francia unha delegación de máis de cen persoas que durante sete días amosaron aspectos como embarcacións tradicionais, carpintería de ribeira, cestería, patrimonio etnográfico, gastronomía, música tradicional, turismo náutico, etc.

Para a ocasión a FGCMF desprazou ata Douarnenez un total de dez embarcacións representativas das diferentes tipoloxías. A prestixiosa revista Chasse-Maré resume á delegación galega en Douarnenez como “exquisita representación do patrimonio marítimo galego en terra, e fenomenais manobras das embarcacións no mar”. A edición de Douarnenez confirma a presenza da FGCMF nos circuítos internacionais, sendo recoñecido o seu labor polas principais federacións e entidades de cultura marítima de toda Europa, e abre unha nova etapa para a Federación e para os eventos a organizar a partir deste intre.

A edición do Vº Encontro 2001, na localidade pontevedresa de Poio, supuña un gran reto para a FGCMF, polas altas expectativas creadas pola delegación galega en Douarnenez 2000, así como pola presenza de proxectos de primeira magnitude que afectaban directamente ó Encontro como foi o caso do esbozo Sant Eflam, unha aventura marítima que tenta recuperar os aspectos culturais das rotas dos antigos monxes celtas navegando en barcos de coiro “courrags”, con partida dende Irlanda, pasando pola Bretaña e País Vasco, e terminando en Galicia. A cita galega, organizada nesta ocasión polo Clube Mariño A Reiboa, en colaboración coa asociación de veciños Boureante e o Concello de Poio, consolídase como punto de encontro obrigado tanto a nivel nacional como internacional, con presenza de barcos de toda Galicia, Pais Basco, Portugal, Francia ou Irlanda, e convértese no acto de cultura marítima máis populoso celebrado en Galicia, de xeito que os encontros culminan así un dos seus principais obxectivos, a difusión, fomento e socialización da cultura do mar.

Como reflexión final, na última década aumentou o número de embarcacións tradicionais, potenciouse a navegación nos eidos deportivos e lecer, e así mesmo, danse os primeiros pasos para un aproveitamento turístico dende o respecto á natureza e tomando a cultura marítima como referente, se ben estes procesos de revitalización temos que consideralos aínda incipientes e fráxiles, por iso dende a FGCMF se segue a traballar para acadar un maior apoio das administracións, entidades, axentes locais e a cidadanía en xeral, confiando en que coa inercia das asociacións e a sintonía existente no marco atlántico a prol da cultura marítima, poidese acadar un futuro máis estábel para o acervo cultural do litoral europeo.

O VIº Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia propúxose como a Gran Festa da Cultura e o Patrimonio Marítimo Galego, incorporando a Feira do Mar como acto paralelo onde se pretende a divulgación dos recursos do mar. Neste senso, a Illa de Arousa foi unha localización ideal dada a conservación dunha economía centrada nos recursos do mar e a súa vontade de conservación de elementos da cultura tradicional como son as embarcacións tradicionais, artes de pesca ou oficios como o de carpintería de ribeira.

Os encontros da Illa de Arousa lembraranse pola catástrofe do Prestige e tamén por innovacións incorporadas ó programa:

Portugal convidado de honra
10 anos da FGCMF
1ª Feira do Mar