Os Encontros

Federación Galega Pola Cultura Marítima e Fluvial nace no ano 1993 co obxectivo de defender, divulgar e promocionar o Patrimonio Marítimo de Galicia. Durante unha década, a FGCMF realizou actuacións no eido da recuperación de embarcacións tradicionais, fomentou o asociacionismo cultural nos portos galegos para frear o deterioro e perda de elementos patrimoniais e culturais representativos da vida do home do mar en Galicia, e realizou estudos e publicacións a prol da cultura marítima.

O intercambio de experiencias con outros territorios europeos no tratamento e deseño de accións de recuperación do patrimonio marítimo, a súa posta en valor e o seu aproveitamento económico, foron elementos esenciais na definición do camiño a seguir pola FGCMF.

As continuas saídas da Federación a outras zonas de Europa, e moi especialmente a Francia, non só serviron para representar a singularidade e riqueza do patrimonio marítimo de Galicia, senón tamén para aprender doutras experiencias, e darlle unha maior dimensión á propia FGCMF.

Ó longo destes dez anos, a FGCMF foi andando por moitos camiños, os primeiros estreitos e angostos, chegando despois camiños máis concorridos, con máis asociacións, con máis barcos e con maior entusiasmo, a así ata chegar ós tempos das tecnoloxías da comunicación que nos poñen en liña directa coa costa portuguesa, cos museos de Normandía, coas asociacións de País de Gales, País Basco, Cornualles, ou calquera outro punto do litoral europeo. Tamén durante toda a década dos 90, puidemos asistir ó incremento circulatorio polas estradas, das dornas, bucetas ou gamelas que asisten ás distintas citas de embarcacións tradicionais, tanto en Galicia como noutros puntos da xeografía española, e tamén noutras zonas de Europa.

Encontros1
Festa no mar

De todas estas actuacións, a celebración do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, é a actividade máis senlleira da FGCMF, e considérase como a gran festa das asociacións da Federación e tamén de todas aquelas entidades afíns de cultura marítima. A celebración dos mesmos, ten por obxecto principal poñer de manifesto a riqueza do patrimonio marítimo galego e a necesidade de conservalo. Por outra banda, os Encontros serven para amosar o traballo no eido da recuperación do patrimonio marítimo feito polas asociacións, é ó mesmo tempo, supón unha actividade de dinamización social e de lecer, converténdose nunha festa atractiva para os cidadáns e visitantes da vila que acolle os Encontros.

Cada encontro supuxo un chanzo no desenvolvemento de accións no eido da cultura marítima, así, cada dous anos comprobouse o incremento de asociacións espalladas pola costa galega, o aumento de proxectos de recuperación de embarcacións tradicionais, publicacións, revistas de cultura marítima, etc. Co paso do tempo, os Encontros foron converténdose nun evento que demostra as posibilidades económicas que conleva a realización de actuacións en materia de cultura e patrimonio vencelladas co mar, e abre unha nova vía para actividades económicas xeradoras de emprego, cun alto valor engadido, sen desgaste para o medio mariño e unha alternativa profesional para os habitantes do litoral galego.