Outras publicacións

Relinga. Revista de Cultura e Actividades Mariñeiras Tradicionais. nº 2. Outono 1997

Este número 2 foi o último que se publicou da revista Relinga, e con el pechamos o traballo de poñer a disposición de todos esta excelente revista, da que xa difundimos o número 0 e o número 1 anteriormente.

O tema predominante neste número 2 son as regatas de dornas, pero tamén hai interesantes artigos sobre os Colin Archer, a tecnoloxía das velas, a seguridade no mar, as corridas de arroaces, a vela en Ferrol, os botes de Ribadeo, o Encontro do 97 no Grove, etc.

Volvemos a darlle as gracias a Lajareu por Barlovento por permitir a reproduccion da revista neste web.

Relinga. Revista de Cultura e Actividades Mariñeiras Tradicionais. nº 1. Primavera 1997

Este é número 1 de Relinga, é o máis dificil de conseguir, e o motivo é que inclue unha excelente reportaxe sobre a lancha de relinga, e máis específicamente sobre o proceso de recuperación do pecio da Marina, unha lancha xeiteira de Caldebarcos.
A recuperación da Marina foi unha iniciativa da escola A Aixola, de Marín, e nela participaron alumnos e mestres, que en febreiro de 1991 logo de localizar o pecio extrouxeron os restos e a partir deles fixeron a Nova Marina, a primeira xeiteira recuperada, que pasou a ser un símbolo do movemento de recuperación das embarcacións tradicionais galegas.

Hai vinte anos da recuperación do pecio, e con este motivo estase a organizar unha exposición, un documental, e outros actos sobre este traballo dos membros da Aixola. Está previsto que a exposición se mostre en varios lugares antes do verán, e que sexa parte importante das actividades culturais do X Encontro. Neste sentido hai que lembrar que o primeiro Encontro foi o ano 1993, o ano que a Nova Marina navegou nos mesmos mares onde antes o fixera a Marina.

Hai xa moitos anos pero os nosos parabéns aos autores deste número de Relinga, e unha vez máis gracias a Lajareu por Barlovento por permitir poñer esta revista a disposición de todos.

Relinga. Revista de Cultura e Actividades Mariñeiras Tradicionais. nº 0. Outono 1996

No outono de 1996 saía o número cero da revista Relinga, editada pola Asociación Cultural Lajareu por Barlovento. Hoxe é unha publicación totalmente esgotada, e que ten un gran valor documental e sentimental. Nela veredes xente que xa non está connosco, xente que xa non participa nas regatas, ou os comezos dalgúns dos protagonistas das actividades actuais.
Desta revista saíron tres numeros, este cero e o 1 e 2 que iremos subindo conforme rematemos os traballos de escaneo.
Queremos agradecer a Lajareu por Barlovento o permiso para facer estos pdfs e poñer a disposición de todos esta magnífica publicación.

Nós tamén navegar a Ítaca

Abaixo podedes ver o texto Nós tamén navegar a Ítaca da autoría de Francisco Fernández Rei, e que foi publicado no número 2 de Información Obreira, de decembro de 2008.
Agradecemos ao autor que permita a difusión deste traballo.

No seu coñecido poema Ítaca, Konstandinos Kavafis dicía que na vida o importante é a viaxe; que cómpre manter sempre Ítaca na mente, porque o destino é arribar a esa illa, pero que a travesía se faga sen présas, que sexa longa e que dure moitos anos; que un se deteña en mercados e cidades para gozar e aprender; e despois dunha fermosa travesía, cando un xa velliño atraque na illa, convertido nunha persoa sabia e con moita experiencia acumulada e sen agardar que Ítaca lle ofreza riqueza, acabará por comprender o significado das Ítacas.
A comezos da década de 1990, cando a cultura marítima tradicional esmorecía e moi poucos a valorizaban, xente do Grove, Cambados, Ribeira, A Illa da Arousa, Bueu… puxéronse a recuperar barcos tradicionais e a navegar con eles, a dar conferencias e a facer exposicións sobre unha cultura marítima aínda viva. Para eses pioneiros a “Biblia” era As embarcacións tradicionais de Galicia, que en 1989 editara Staffan Mörling, o sueco radicado no Morrazo, que co seu xeneroso e constante apoio tanto contribuíu a erguer o movemento galego de recuperación dos barcos dos pobres e a súa cultura.
A paixón deses pioneiros polo mar e pola a navegación fóronnola contaxiando ós que nos últimos anos nos embarcamos na travesía de socializar e poñer en valor todo o patrimonio material e inmaterial dos mares e ríos de Galicia e norte de Portugal, que é a Ítaca da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (FGCMF). Ler máis»

A Cruxía, revista de Rompetimons, e o seu novo blog


Os amigos de Rompetimóns acaban de enviarnos un material moi interesante, en primeiro lugar a foto de arriba, tomada na praia de Compostela, en Carril, un día de regata, onde se pode ver unha considerable variedade de barcos.
E en segundo lugar o pdf (2Mb) do primeiro número da súa revista, A Cruxía, correspondente ao 2004.
Desta revista publicáronse tres números máis, que esperemos que pronto se poidan distribuir en pdf, e quen a teña visto saberá o cariño e coidado con se que se fixo, tanto no contido como no papel e deseño.
E xa que falamos de Rompetimóns aproveitamos para publicitar o seu novo blog, ao que lle desexamos bo vento, e no que atoparedes máis fotos antiguas e actuais, así como algunhas da expedición a Brest.

Carpintería de ribeira, patrimonio flotante e desenvolvemento local. Conferencia

Ofrecémosvos o texto da conferencia Carpintería de ribeira, patrimonio flotante e desenvolvemento local que dou Dionisio Pereira no marco das I Xornadas de Traballo da Asociación Galega de Carpintería de Ribeira. "Un Mar de Madeira".
Neste traballo o punto de vista vai mais alá da actividade meramente productiva, para estudiar a situación do sector desde o punto de vista do patrimonio e sobre todo das posibilidades da carpintería de ribeira como motor de desenvolvemento local.
Agradecemos ao autor a autorización para poder difundir aquí este traballo.

Patrimonio marítimo galego: un diagnóstico actual

Dionisio Pereira publicou un artigo no número 3 da Revista Adra: revista dos socios e socias do Museo do Pobo Galego, titulado Patrimonio marítimo galego: un diagnóstico actual.
Neste artigo, que pasa revista a situación actual do patrimonio, pon ao dia traballos anteriores do mesmo autor incorporando as últimas investigacións.
Agradecemos a Dionisio Pereira a autorización para difundir este traballo.

O Cabeso nº 6. Décimo aniversario dos Amigos da Dorna de Portonovo

Os Amigos da Dorna de Portonovo están de aniversario, cumpren dez anos de vida. E para celebralo acaban de sacar o número 6 do seu boletín O Cabeso (1,3MB). Neste número fan un repaso do que foron estes dez anos, do sucedido este ano, e das expectativas para Brest08.
Están a preparar un web para a asociación, onde poderedes consultar os pasados Cabesos, fotos das súas actividades, e información de todo tipo sobre a asociación.
Abaixo podedes velos na botadura da Bicoca, a última incorporación á súa flota.

Revista do III Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia. O Grove 1997


Acabamos de subir o pdf da revista do III Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia (18.2MB), que tivo lugar no Grove en 1997.
Os artigos que inclue son variados: sobre os barcos de pasaxe das rías, o oficio de cangrexeiro, a carpintería de ribeira, os gremios no Ferrol do XVIII, o patrimonio marítimo portugués, as memorias de Leonor Galiñanes, cantigas do mar, e destacadamente, sobre a dorna.
No apartado adicado ás dornas publicouse o plano da dorna meca feita por Pepe Garrido, un artigo de Manolo Parada, outro de Anselmo Lopez e uns mais que interesantes debuxos explicativos da dorna meca feitos por Pepe Gondar.
Con este pdf completamos as revistas publicadas nos Encontros, e por tanto está disponible no web case todo o publicado pola FGCMF.
Seguiremos a buscar publicacións feitas por outras entidades ou persoas que poidan ser de interese e xa estean esgotadas para facilitar a súa difusión, portanto se alguén dispón de material que considere adecuado e está disposto a permitir a súa difusión, que por favor contacte conosco.

Agradecemos a Lino Prieto o traballo de escanear as 80 páxinas que ten a revista.

Revista do VI Encontro. Illa de Arousa 2003

Acabamos de subir un pdf (9.8 MB) coa Revista do VI Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, que tivo lugar na Illa de Arousa no ano 2003.
Este encontro coincidiu co décimo aniversario da FGCMF, e na revista hai un repaso á historia de Federación. Ademáis hai artigos sobre a salga e conserva na Illa de Arousa, os galeóns de Vilanova, a presencia do mar na obra de Aviles de Taramancos, os museos de Massó e da Marinha de Lisboa, sobre os barcos dos rios, a vela latina, o Prestige, e moitos outros de temas variados.
Debido a cuestións técnicas a revista está escaneada en branco e negro.
Actualización: hai unha nova versión do ficheiro por fallos detectados no anterior

Syndicate content