Da Gallaecia ó Cap de Creus.

Entre Nortes anda o xogo. De Norte a Norte era o viaxe e de Norte en Norte viaxamos, Norte na nosa Gallaecia, Norte no Cap de Creus, Tramontana. Ese foi o sino deste desprazamento dos nosos barcos e da 1ª Festa de la Mar.

Cando o mércores 03 cargabamos (11 embarcacións) no peirao de Tragove en Cambados, xa o vento impedíalle a grúa operar con facilidade. Por imponderables tiñamos que rematar de cargar o xoves pola mañán, e aí xa o mecanismo da grúa lle dixo que non, que non podía traballar con tanto vento. Tivemos que recurrir a da Confraría que resultou non funcionar e o final recordando vellos tempos de autoestopista, paramos unha grúa pola estrada que nos axudou namentres a do Concello de Cambados fixo a súa aparición. Gracias a Celso do carro de Tragove a Confraría a Pavimentos Meaño (asaltado na estrada) e o Concello de Cambados pola súa colaboración na carga e descarga das embarcacións.

E tamén estrenabamos sistema novo, dous pisos, en andamios viaxaron as gamelas e a catraia de Viana. Realmente un éxito en aproveitamento de espacio pero mentras non chegaron os barcos algún nin comeu nin durmeu. Pero todo ben. Moi ben. O chegar a Cadaqués fixeronse os axustes que permitiron que todo mundo estivera tranquilo a volta.

Esta viaxe escomezaba o xoves coa invitación que tiña a FGCMF. para estar cos galegos a Casa de Galicia en Barcelona, na popular Rambla das Flores, e expoñerlle o noso traballo, alí estiveron Uxio Allo (por navegación), Xabier Camba (Ardentía) e Fernando Piñeiro na súa calidade de presidente, acompañados por J. Trepat de Thalassa e J. Vazquez, presidente da Catalana. Fixo de interlocutor e anfitrión J. L. Vergara fillo de galega e polo mesmo arousan.
Logo o venres coordinábase a arribada nunca mellor dito por terra e aire das nosas tripulacións e embarcacións, a furgoneta que trasladaba a Toño o noso cesteiro foi levada ata ala por J. Pena e Telmo que papearon así os 2.900 km. de estradas e tiñades que ver como é a que nos leva a Cadaqués (así é de bonito aquelo, parque natural).
Venres quedaban montadas a exposicións da FGCMF. a do patrimonio e a dos barcos do Rio dos nosos compañeiros de Barcas do Miño que para a ocasión tamén puxeron a nosa disposición a Barca do Cave e o Barco de Dornas (espectacular).
Mentras Moncho e Juan os nosos conductores dos trailers, dabannos a información de que os barcos iban perfectamente. A estes dous homes habería que darlles unha medalla pois dende o primeiro día comportáronse como dous membros mais de nos. Ou mellor, pois en todo momento prestaron a súa colaboración e esforzo para que todo saíra ben. Nesta ocasión os homes da empresa Barreira, enviados por GEFCO, foron exemplares no seu traballo e implicación.

Oíchedes falar da Tramontana, bueno, pois algúns falaremos moito tempo, como sopla, alí estabamos na “praia” da Port Lligat no Cap de Creus, nunha pequena badía onde o Dali amarraba a súa Gala e miraba o mar dende as súas casiñas de mariñeiro xunguidas. E tiñamos vento real, o surrealismo ali non tiña razón, non sei calculala forza da Tramontana, alí decían que non era moito (como será eso?).
E no medio do vendabal escomenzamos a baixar as nosas embarcacións. A Lui, quedou pendurada por un cabo (seneira) pequeño e unha das gazas da grúa (a outra esbarou e foise ata petar co pau da vela que iba deitado na embarcación e sobresaía pola proa) o momento e para a historia a “Lui” iba de lado a lado no aire a 5 m de altura pendurada por un cabiño …… hai fotos. Da cara de Jorge, seu dono, non temos ningunha.
Ai door !!! foi a primeira, tiñamos moita presa, logo baixamos dez mais sen problema.

A Lui en perigo
 

Once embarcacións mollándose no Mediterraneo, ata ali foron 2 gamelas, coruxeira e gardesa (Breadouro e Sodinautica), 1 buceta (ACD Dorna, patroneada por xente de CM. Ferrol), 1 dorna de Tope (ACD. Dorna), 1 catraia (Barcos do Norte), 3 polbeiras de 9 cuartas (Lajareu, AD. Portonovo e ACD. Dorna) 2 dornas de 9 con duas e tilla corrida (Lajareu por Barlovento) e a barca do Cave (Barcas do Miño). Toda unha excelente representación, no mar na terra, que impresionou polo seu despliegue. E que poido ser levada grazas a colaboración da Consellería de Pesca e a voluntariedade dos nosos.

Como decía, o igual que en Cambados quixeron facer as cousas tan ben que se lles foi a man no vento, todalas noites mirando si amainaba e todalas mañáns esperando o milagre, e non foi así, no medio da Tramontana a Laberca, a Vikinga a Lui e a Gamela de Sodinautica pasaron de remolque dende Port Lligat a Cadaques, a segunda badía e principal escaparate da Festa, alí atoparonse con botes de Mahó, Mallorca e Menorca ou co batel de Bermeo que trouxo o Koiote, que chegaran en remolques liviáns e foran directamente a este escenario ante a imposibilidade de navegar dende Port Lligat.

remolque en Cadaques
 

O domingo a tarde baixou a Tramontana e antes de que entrara o Garbí (Sur), nese intre a Moura (dorna de Lajareu) e a Nsa. Sra. Da Agonía, deron a volta o cabo de Cadaques e mudaron de badía e alí con propios e alleos percoreron de Norte a Sur e de Este a Oeste lucindo as relingas no medio das latinas os brancos cos negros e alquitráns. Ali non poideron chegar o numerosos barcos que dende portos cercanos agardaban a caida do vento para poder navegar foi unha magoa.

Soaron as gaitas bailaron as panderetas e riscaron as cunchas que coas gorxas de todolos navegantes fixeron un exercicio de navegación e alegría sincronizada. Noutra ocasión navegaremos, namentras disfrutamos do coñecemento, das charlas e do vivir a cultura marítima, das xentes de aquí e de ala, Andaluces, Cataláns de un lado e do outro, Maiorquíns, Menorquins, de Port Mahó, xunto con Vascos, e Galegos da Gallaecia, cruzamos desexos de voltar a vernos aquí ala, noutro lado, somos nos, os da latina os da relinga os dos remos, os do esforzo. Foi a 1ª Festa de la Mar, de seguro haberá mais. Graciñas a Quico, Josep, Joan, Sr. Veil e o ferreiro e o da grúa …….. Parabéns

Agora quedamos todos para vernos en Málaga a finais de setembro, onde ó carón da Asteleiro Nereo votaremos unha man para axudar a levar o patrimonio marítimo e fluvial, que é de todos.

Moi boa crónica. Se os

Moi boa crónica.

Se os interesa, na web do Lajareu, subieramos alguna nova foto. Algunhas son moi boas.

Comment viewing options

Select your preferred way to display the comments and click "Save settings" to activate your changes.