Cambiamos o local da sede da FGCMF
O mestre | 19/02/2012
View Nova sede da FGCMF in a larger map
Debido a que o edificio no que tiñamos a sede actualmente estaba en moi mal estado e que está previsto o seu derrubamento, o Concello de Cambados cedeunos temporalmente un local nunha das vellas escolas unitarias. O edificio esta moi perto da estrada que vai de Cambados a Dena-Vilalonga-O Grove, unha vez que se pasa a ponte do Umia.
A casa esta sinalada no mapa de arriba que pode ser aumentado para ver mellor como chegar.
A sede pode verse en color nesta foto de abaixo.
E para chegar hai que coller a desviación que se ve a man esquerda na seguinte fotografía sacada en dirección Cambados-Dena. É util tomar como referencia a casa cor salmón.
Agradecemos ao Alcalde de Cambados o interese que puxo en que a sede da FGCMF siga nese concello e teña posto este local provisional á nosa disposición.
Tamén agradecemos á Confraría de Pescadores de Cambados que durante estes case vinte anos nos teña cedido o uso do local que ata hoxe foi a a nosa sede.
Curso de emprendimento de proxectos de turismo marítimo.
O mestre | 15/02/2012Mondragon Unibertsitatea organiza o "Curso Avanzado en Emprendimiento de Proyectos de Turismo Marítimo de IV Generación y Gestión Integral de Litoral". O obxectivo é formar en habilidades empresariais que permitar ten oportunidades de éxito en turismo marítimo e xestión integral do litoral.
O curso dura 170 horas, está previsto que comeze o 5 de marzo e será impartido no Campus de Bidasoa de la Facultad de Empresariales de Mondragon Unibertsitatea (Irun) e no Museo Marítimo Ría de Bilbao.
A Balbina vai ao carro
O mestre | 12/02/2012Os Patexeiros van subir a Balbina ao carro. Pouco a pouco o último patexeiro vai camiño da súa total recuperación. Quen teña interese en botar unha man o queira ver este barco pode pasar polo Taller de Pepe en Lorbé.
A de Purro segue sen solución, transitoria ou definitiva.
O mestre | 12/02/2012A pasividade ou a falta de definición de cal é a administración responsable de manter ou restaurar o Estaleiro da Banda do Rio en Bueu está comprometendo a súa supervivencia. A pesar de que Patrimonio resolveu incluir o estaleiro no Inventario do Patrimonio Cultural de Galicia, non se avanzou na súa conservación e agora despois de que o alcalde pedise un informe os técnicos municipais advirten do perigo de derrubamento do teito se non se toman medidas adecuadas.
Noticia no Faro de Vigo
Foto: G. N. (Faro de Vigo)
(Vía Os Galos e Salvemos o Asteleiro)
Como está o peche do X Encontro?
O mestre | 09/02/2012
A pesar da presenza de representantes da FGCMF o pasado 29 de decembro no pleno do Concello de Vilagarcía onde se aprobaron os orzamentos do 2012 non houbo ningún avance na resolución do problema da débeda do X Encontro, xenerada pola actitude do Concello de non querer cumprir co falado e pagar os 20.970 euros que se deben aos proveedores.
O última comunicación do Concello é o documento que recibimos o pasado 18 de xaneiro comunicándonos que se mantiña o acordo de non pagar a débeda. Esta situación, que como é claro pon en perigo o próximo Encontro e causa danos a tres empresas galegas en tempos xa de por si moi complicados, será estudiada na próxima asamblea da FGCMF.
Noticia no Faro de Vigo
Roteiros pola Costa. Bouzas
O mestre | 08/02/2012O vindeiro domingo 12 de febreiro, ás 11.00h da mañá, o Museo do Mar de Galicia retoma a actividade “Roteiros pola costa” cunha ruta por Bouzas, que servirá para valorar o pasado e presente industrial de Bouzas e a súa estreita relación co mar. O percorrido seguirá por Alcabre, onde se explicará a factoría de salgadura Romana, a Villae da Punta do Fiunchal e a Villae Romana de Punta Borralleiro na Praia Do Cocho, e rematará no Museo. É preciso inscribirse previamente neste formulario ou chamando ao 986 247 691.
Faleceu Domingos Dosil
O mestre | 07/02/2012A Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial diante do pasamento de Domingos Dosil, ex-alcalde de Muros, quere facer públicas as súas condolencias á súa familia e amigos. Desde a FGCMF lembramos con agarimo e respecto a unha persoa que nunca fixo das dificultades unha barreira e, como bo mariñeiro e coñecedor do mar, apoiou as iniciativas a prol do recoñecemento da nosa cultura mariñeira e tradicional. Sen a súa persoal implicación, o IX Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, celebrado en Muros no ano 2009 estando Domingos como Alcalde, non tería nin a relevancia nin a transcendencia que tivo. Que o Vento Mareiro o acompañe. Ata sempre.
No norte os Vikings construen un barco...
O mestre | 06/02/2012
o Draken Harald Hårfagre, en Haugesund, no oeste de Noruega. Terá 35 metros de eslora, unha tripulación de 100 remeiros, e un mínimo de 12/14 tripulantes cando navegue a vela. Hai feitas reproducións de barcos vikingos, incluso navegando, pero este é un proxecto especial. En vez de partir exclusivamente de datos arqueolóxicos que sempre son parciais decidiron darlle protagonismo ás técnicas tradicionais tanto construtivas como de navegación a vela.
Nas súas palabras: "Normalmente, as réplicas de barcos vikingos están baseadas en interpretacións de material arqueolóxico. Nos imos ao revés. Baseámonos na tradición viva da carpintería de ribeira norueguesa que existe desde o tempo dos vikingos. Desde aquí traballamos cara atrás no tempo para recrear un barco vikingo oceánico usando todas as fontes disponibles. Esto inclue: material arqueolóxico, a literatura das Sagas e outras fontes da literatura en Noruegués antigo, fontes estranxeiras coetaneas da época vikinga, representacións visuais de barcos vikingos, rexistros de navegación antigos, listas de materiais, informes, etc."
No seu web, ademais dunha gran cantidade de información, hai un seguimento moi completo da construción en imaxes. O obxectivo que teñen é lograr un barco mariñeiro, capaz de facer unha longa travesía como a que trouxo aos seus antepasados ás nosas costas.
A construción do Draken Harald Hårfagre comezou en 2010 e está previsto que remate este ano 2012, pero en 2009 fixeron tres pequenos barcos para probar distintos deseños de casco, velas e manobra. Podedes velo no video de arriba. Que vos lembran?
Imaxe: Arne-Terje Sæther
Dragon Harald Fairhair en Wikipedia
(Vía intheboatshed.net)
En tempo de inverno
O mestre | 05/02/2012Estamos na metade do inverno pero a actividade arredor do mar non está conxelada. Os Amigos da Dorna Meca hai poucos días que botaron ao mar a Laxe de Boibas e A Rubia, as súas dúas dornas de tope, mentres que máis ao norte, en Mera, o C.N. Punta Bufadoiro ten case lista a recuperación da súa buceta Amalia (arriba na foto), da que xa falamos hai tempo, cousa que non foi posible coa Lolita que sirveu para sacar plantillas que permitirán a construción dunha rèplica.
E un pouco máis ao norte, en Lorbé, os Patexeiros seguen co seu curso de carpintería.
Costa da Morte. Un país de sueños y naufragios. Libro
O mestre | 31/01/2012
Rafael Lema presentou o seu novo libro Costa da Morte. Un país de sueños y naufragios o pasado 27 de xaneiro en Muxia, acompañado de Guillermo González, xerente do GAC3, e de Fernando Patricio Cortizo, autor á súa vez de varios libros sobre naufraxios.
O libro fai un repaso á información da que neste momento se dispón sobre os naufraxios da Costa da Morte, entendendo esta como o tramo de costa entre Caión e Fisterra, e aporta datos sobre a historia deste topónimo, que parece bastante recente, xa que está documentado en inglés desde principios do século XX. Esta obra achega datos sobre 44 novos naufraxios, recollendo un total de 454 para a zona estudiada. O libro de 256 páxinas ten máis de 300 imaxes, algunhas delas inéditas, por exemplo as que recollen os debuxos que Antonio Canosa, crego de Ameixenda, fixo nun libro antigo de teatro e que representan os naufraxios de varios barcos na zona xunto coa actividade de raqueiros e carabineiros a mediados do século XIX.
Organizado o libro por tramos de costa, ao final de cada capítulo hai un pequeno ensaio sobre temas relacionados coa Costa da Morte: baleeiros, corsarios, raqueiros, submarinos, e persoeiros relacionados co mar.
O obxectivo do autor é elaborar unha obra de divulgación da historia dos naufraxios da zona, aportar datos novos, precisar outros xa coñecidos e aclarar moitas lendas sobre maltrato aos náufragos, ou a existencia de mafias que causaban o embarrancamento dos barcos, cousas ambas totalmente falsas como se demostra coa existencia de moitas mostras de agradecemento dos paises que perderon navios na zona ás persoas que arriscando a súa vida salvaron a de moitos descoñecidos.
Entrevista a Rafael Lema
A noticia en Anosacosta e Quepasanacosta
(Imaxe tomada de Que pasa na costa)
















Recent comments
2 days 15 hours ago
6 days 10 hours ago
6 days 12 hours ago
6 days 13 hours ago
2 weeks 1 day ago
2 weeks 1 day ago
3 weeks 4 days ago
3 weeks 5 days ago
3 weeks 5 days ago
4 weeks 4 days ago